Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/04/2021 | Actualizada ás 17:48
A plataforma Queremos Galego convocou unha concentración o próximo 17 de maio con motivo da conmemoración das Letras Galegas, para recuperar o pulso da mobilización social e reclamar o dereito a vivir con "total normalidade" e "sen límites" utilizando este idioma no día a día.
A organización da protesta, que se celebrará ao mediodía na praza do Obradoiro compostelá, exponse este ano totalmente condicionada polo contexto de pandemia e as diferentes restricións sanitarias para frear a covid-19.
É por iso, que a plataforma require unha inscrición previa a través da súa páxina web para distribuír as prazas previstas na convocatoria e así garantir que se manteña a distancia de seguridade, cumprindo así con todas as normativas sanitarias.
Así o trasladou en rolda de prensa Marcos Maceira, presidente da Mesa e representante da plataforma, que instou a recuperar a mobilización social para "cambiar a política lingüística" da Xunta e do Estado. Por iso, a protesta impulsarase coa lema 'Queremos vivir en galego'.
"Desde decembro de 2019 ata hoxe contamos cun informe da ONU e dous do Consello de Europa que recollen o que vimos denunciando, que o marco legal para o ensino non respecta a Carta Europea das Linguas, que na xustiza non se garante o uso do galego en calquera proceso, ou as dificultades para a atención na administración", sinala Maceira.
O portavoz da Mesa destacou, en contraposición, o papel da sociedade galega para manter activa a mobilización a través de centos de iniciativas encamiñadas a gañar novos espazos para o idioma e evitar retrocesos noutros.
Entre elas, lembrou a 'Iniciativa Xabarín', que chega ao Parlamento galego con máis de 33.000 sinaturas de apoio e que reclaman a posibilidade de contar con contidos audiovisuais neste idioma, sobre todo para a infancia e a mocidade.
A plataforma quere aproveitar este 17 de maio para "celebrar os pequenos pasos" logrados a prol da lingua galega e, ao mesmo tempo, "reclamar avances" aos gobernos galego e do Estado para atender as demandas e as reclamacións que traslada tanto a sociedade como institucións internacionais.
Todo iso, insistiu, para poder "vivir en galego con total normalidade, sen límites, sen coaccións e sen exclusións".
"Podemos usar e dispor da nosa lingua en todo e para todo, un dereito recollido na declaración universal dos dereitos humanos, o pacto internacional dos dereitos civís e políticos ou a Carta Europea das Linguas, pero que para o galego aínda temos que conquistar día a día", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.