Tomé envía o Estatuto de Autonomía ao alcalde de Portomarín para lembrarlle que as competencias en transporte escolar son da Xunta

O presidente da Deputación de Lugo remítelle unha misiva cargada de ironía.

Por E.P. | Lugo | 24/04/2021 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, remitiu un exemplar do Estatuto de Autonomía de Galicia e unha carta ao alcalde de Portomarín, Juan Serrano, para lembrarlle que as competencias sobre o transporte escolar son da Xunta.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, envía unha carta e un exemplar do Estatuto de Autonomía de Galicia ao alcalde de Portomarín, Juan Serrano
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, envía unha carta e un exemplar do Estatuto de Autonomía de Galicia ao alcalde de Portomarín, Juan Serrano | Fonte: Deputación de Lugo.

Este agasallo, acompañado dunha misiva cargada de ironía, xorde por mor das protestas iniciadas por varias familias de Portomarín a inicios do actual curso escolar, cando se viron "prexudicadas pola falta dunha liña de autobús adecuada ás necesidades do estudiantado", segundo lembra o goberno provincial nun comunicado.

E é que, segundo critica a Deputación, a Xunta "desdobrou as quendas de Secundaria" do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo "para adaptarse aos protocolos da covid-19", pero con todo "non adaptou o transporte".

Así, ante a proposta do alcalde de que fose o Concello e a Deputación as administracións que asumisen o gasto do desprazamento, o presidente provincial --do PSOE-- comprometeuse a facerlle chegar ao rexedor --do PP-- un exemplar do Estatuto de Autonomía, norma que de feito cumpre 40 anos este mesmo 2021.

Na carta que acompaña o agasallo, Tomé recoñece que "resulta tentador aparecer como a varita máxica capaz de conxurar un taxi cando a Xunta non quere mandar o autobús", pero aposta por "reclamar os orzamentos precisos para facelo".

Neste sentido, o presidente da Deputación apela a "loitar para que, despois de 40 anos de desenvolvemento do Estatuto, traballar agora en garantir a autonomía local" e "delimitar as competencias" de cada administración.

José Tomé explícalle a Serrano na carta que o agasallo, "feito desde a cordial discrepancia das súas respectivas posicións políticas", é para lembrarlle que "nestes 40 anos citamos moito o Estatuto, pero non o aplicamos sempre ben, especialmente no que respecta aos concellos".

"A base do municipalismo moderno xa está neste texto --o Estatuto--, que marca con claridade as obrigas da Administración autonómica e da local", sentencia o presidente da Deputación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta