DOCUMENTO.- Críticas á volta de 'Superpiñeiro'

Acabanos de chegar unha carta que a sección sindical da CIG na CRTVG lle remitiu a Antón Losada na que critican a volta de 'Superpiñeiro' á TVG...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 02/02/2007 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia
 

Ten vostede a certeza de que o que as persoas maiores queren é un programa presentado por Xosé Manuel Piñeiro? Non preferirán pensións máis dignas, máis prazas en residencias e centros de día xestionados directamente pola Xunta para non teren que recorrer a centros privados? Non quererán unha TVG de calidade no seu conxunto? Ou é que aos nosos maiores non lles interesa o cine, a arte, a natureza, a literatura...? 

Dende a CIG lemos recentemente con estupor a súa felicitación á Dirección da TVG polo retorno á mesma de "Superpiñeiro" á fronte dun programa para maiores. Con estupor, si, porque non é que vostede felicite á TVG por lembrarse na súa "grella" dese segmento da sociedade senón que aplaude a contratación dunha persoa concreta para presentar un programa. En que se basea a súa ledicia Sr. Losada? Coñece vostede méritos para nós ignotos do Sr. Piñeiro que o fan garante de ser o "gran" por non dicir "único" profesional capaz de tratar cos nosos maiores?

Nós o único que lembramos del é o contido chocalleiro dos seus anteriores programas nos que o papel asignado ás mulleres era denigrante e de mero obxecto. Ou é que a vostede só lle preocupan os maiores e non o resto da sociedade? Perdóenos, Sr. Losada, pensabamos que ocupaba vostede un cargo público nunha Vicepresidencia da "Igualdade", na que non se recompensaba a aqueles que tiveron, activa ou pasivamente, tratos vexatorios coas mulleres. Ou é que non consideran vexatorio para o conxunto das mulleres o papel que xogaban as "azafatas" no programa "Supermartes"? É así como pensan vostedes avanzar na igualdade?

Di vostede "Nosoutros estamos aquí para lle dar á xente maior o que demanda" (sic). Que é o que demanda a xente maior, Sr.Losada? Ten vostede a certeza de que o que as persoas maiores queren é un programa presentado por Xosé Manuel Piñeiro? Non preferirán pensións máis dignas, máis prazas en residencias e centros de día xestionados directamente pola Xunta para non teren que recorrer a centros privados? Non quererán unha TVG de calidade no seu conxunto? Ou é que aos nosos maiores non lles interesa o cine, a arte, a natureza, a literatura...? Por certo, fala vostede de atender a ese sector. Sabe vostede que na Radio Galega acaba de desaparecer a programación infantil? Acaso é que á Vicepresidencia non lle preocupa a infancia, Sr. Losada? Ao cabo, os cativos e cativas non votan.

Ou se cadra, aplaude vostede porque ese programa se faga por unha produtora allea á TVG, o que contribuirá, sen dúbida, ao enriquecemento dalgúns ao tempo que precariza as condicións laborais de moitos?

O realmente estraño, Sr. Losada, é que a nosoutros nos sigan causando estupor feitos como o retorno de Superpiñeiro á TVG, tendo en conta que como dicía o propio Xosé Manuel Piñeiro, "Pero que cambio?, se o único que faltaba era eu¡". E témoslle que dar a razón. Non só na meirande parte dos "rostros visibles" da TVG, senón tamén en boa parte dos cargos internos, seguen estando os mesmos que estaban co PP e que definiron esa Televisión á que tanto se criticou dende o BNG por sectaria e groseira.

Se cadra máis que polo regreso de Superpiñeiro e os seus aplausos a ese retorno deberiamos estrañarnos polos que aínda faltan por volver. Nese sentido, Sr. Losada, deberiámonos preguntar para cando o regreso de José Luís Moreno á TVG. Se cadra pronto nos soprende vostede felicitándose publicamente polo retorno de Carmen Mella.

San Marcos, 25 de xaneiro de 2007.

Sección Sindical da CIG na CRTVG e as súas sociedades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta