Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2021 | Actualizada ás 21:55
Galicia segue a cultivar un pequeno pero rico grupo de empresas que, dende as nosas fronteiras, traballan arreo para levar máis as fronteiras da vangarda tecnolóxica. Unha delas é a multinacional Trison, unha das firmas mellor posicionadas no sector na integración audiovisual en Europa, e que recentemente vén de lanzar un produto ao fío do filme ‘Cuñados’ que sorprenderá a máis dun.
A esta empresa afincada na Coruña ocorréuselle poñer en proba o seu sistema de “telepresenza” ‘Holobox’ empregando os actores que desempeñan os papeis principais desta comedia integrada por Touriñan, Miguel de Lira e Francisco Pérez. Por iso o trío que encabeza o filme pode ser visto estes días na coruñesa Praza de María Pira; e iso non é todo, xa que as figuras, segundo explican, dende a empresa mesmo “interactúan” cos viandantes.
Dende a compañía explican que Holobox é unha tecnoloxía pensaba para “xerar experiencias novidosas e impactantes, en tempo real e a calquera distancia, a través de holografías que emulan en directo a imaxe real dunha persoa ou dun obxecto en tres dimensións”. “En certa medida Holobox rompe o axioma de que non se pode estar en dous ou máis sitios á vez” engade o director de Marketing e Estratexia de TRISON, Ignacio Alonso. Polo momento, Touriñán e compañía estarán na Praza de María Pita recibindo as visitas de coruñeses e achegados. Todo, iso si, mentres non marche a rede de internet que alimenta estas curiosas cabinas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.