Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/03/2025 | Actualizada ás 11:49
O PSdeG anunciou hoxe que os Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez deste ano recoñecerán o labor de dúas figuras de referencia na loita pola igualdade: a científica e docente María Mercedes Álvarez Lires, Mari Lires, e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Os galardóns serán entregados o 7 de marzo en Santiago de Compostela, coincidindo co inicio do Congreso Nacional do partido. Ademais, o acto incluirá unha homenaxe á alcaldesa de Lugo, recentemente falecida, polo seu traballo no movemento feminista. Ademais da súa traxectoria institucional, foi presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, destacando polo seu compromiso coa igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres en situación de vulnerabilidade.
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, destacou que "estes premios buscan recoñecer ás persoas e entidades que fan unha contribución real á igualdade, cada unha dende o seu ámbito". "Mari Lires é un exemplo de compromiso feminista na ciencia e na educación. A súa traxectoria como docente e investigadora estivo sempre guiada pola defensa da igualdade de xénero, sendo pioneira en múltiples iniciativas que puxeron en valor o papel das mulleres na ciencia", afirmou.
Sobre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Fraga subliñou que "leva décadas traballando para transformar os medios de comunicación galegos nun espazo máis igualitario, sen estereotipos nin enfoques sexistas". Destacou iniciativas como a Declaración de Compostela contra a violencia machista, a demanda da figura das editoras de xénero nos medios ou a recente Guía de Linguaxe Inclusiva en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
Os Premios de Igualdade Maruja Vázquez Suárez naceron no ano 2015 co obxectivo de recoñecer o traballo de persoas e entidades que loitan pola igualdade entre mulleres e homes e pola visibilización das discriminacións de xénero. Desde a súa recuperación no 2022, foron recoñecidas figuras como Nadia Calviño Santamaría (2022), a asociación Mulleres Salgadas e Rosa Gómez Limia (2023), así como as deportistas Verónica Boquete Giadáns (Vero Boquete) e Paula Dapena Sánchez (2024).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.