O xacemento romano de Valdeorras retoma as escavacións abertas ao público

Podes visitar este achado milenario en pleno traballo arqueolóxico e mesmo recibir unha explicación do equipo que exerce nel.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2021 | Actualizada ás 09:35

Comparte esta noticia

O xacemento romano de Valencia de Sil, na Comarca de Valdeorras, vai camiño de trocar nunha escola de arqueoloxía aberta ao público. Así o considera a asociación científica Sputnik Labrego, que o vindeiro 3 de maio arrincará novamente as escavacións deste achado datado da época tardorromana e situado no concello de Vilamartín de Valdeorras.

Arqueólogos traballando no xacemento tardorromano de Valencia do Sil
Arqueólogos traballando no xacemento tardorromano de Valencia do Sil | Fonte: Sputnik Labrego

A escavación do xacemento contará coa presenza dun “nutrido grupo” de estudantes do Mestrado Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade; de aí esa idea de escola ao aire libre que defenden os de Sputnik. Durante tres semanas, este grupo realizará as prácticas de formación no xacemento, que incluirán non só o traballo arqueolóxico, senón tamén a visita de distintos enclaves da comarca de Valdeorras. 

Carlos Tejerizo, director das escavacións, explica así a historia deste particular xaceemnto: "en realidade, Valencia do Sil xa foi unha escola de arqueoloxía no pasado, cando o grupo dos Escarbadores formou toda unha xeración de arqueólogos durante os anos 60 e 70. Rescatamos esa tradición para consolidar este sitio arqueolóxico e a comarca de Valdeorras como unha escola de arqueoloxía na actualidade".

EXPLICACIÓN DOS ARQUEÓLOGOS

A campaña, financiada polo polo concello de Vilamartín de Valdeorras e o grupo de investigación SÍNCRISIS (Universidade de Santiago de Compostela) estenderase ata o día 21 de Maio, co obxectivo de ampliar os espazos intervidos en anos anteriores. "Comezamos a ter unha idea bastante precisa do sitio de Valencia do Sil, mais aínda quedan moitas preguntas ás que queremos dar resposta nesta campaña", afirma Celtia Rodríguez, co-directora da intervención, "o ano pasado detectamos unha fase anterior á grande ocupación do século cuarto que queremos explorar con máis detalle nesta campaña. Ademais, tentaremos determinar se existen estruturas arqueolóxicas en espazos aínda non explorados do xacemento".

Ao igual que o ano pasado, as xornadas desenvolveranse baixo unha proposta de "aberto por escavación", de xeito que o xacemento poderá ser visitado durante os traballos arqueolóxicos e recibir unha explicación por parte do equipo. Estas visitas terán lugar entre as 10:00 e as 17:00 de luns a venres durante os días que dure a campaña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta