Pablo Arangüena acusa ao PP de "corrupción e caciquismo" nun pleno cargado de tensión

A sesión de control no Parlamento Galego estivo chega de referencias a Vox e acusacións entre ambos grupos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2021 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

Os grupos parlamentarios do PSdeG e do PPdeG protagonizaron este mércores unha lea na Cámara galega no que o vicesecretario xeral dos socialistas galegos, Pablo Arangüena, afeou o "nepotismo, caciquismo e corrupción" do Partido Popular.

O enfrontamento produciuse durante un debate no que Arangüena volveu a reprochar ao PP a súa actitude "antidemocrática" ao condicionar o seu apoio a unha posible moción de censura en Ourense ao feito de que o que fose candidato socialista á Alcaldía de Ourense e actual portavoz local, Rafael Rodríguez Villarino, se retire da política municipal.

Ante estas palabras e nun pleno no que todos os deputados do PSdeG inician as súas intervencións facendo referencia a este asunto e pedindo ao PP que rectifique, o parlamentario do PPdeG Alberto Pazos volveu a referirse ao viceportavoz socialista como "Arangüena Smith" en referencia ao dirixente de Vox e a acusalo de impulsar el á ultradereita na Cámara.

Ademais, Pazos sacou unha foto do exalcalde socialista de Lugo José López Orozco para lembrarlle que o PSdeG cedeu ás esixencias de Lugonovo e do BNG ao evitar que el fose o candidato á investidura en 2015 tras a súa imputación na Operación Pokémon. Ante iso, Arangüena reprochou ao PP que estea "moi preocupado" polas cuestións orgánicas do PSdeG e trate de equiparalas co "caciquismo de Ourense". Así, dixo que o que lle "preocupa a el" é o "caciquismo, nepotismo e corrupción" e non "os problemas orgánicos do PP".

Tamén criticou que lle tache de "Arangüena Smith". "Son neto dun médico expedientado por simpatizar co partido de Azaña e fillo dun pai que figuraba nunha lista de persoas a depurar por pertencer ao PSOE en 1981", asegurou. "Non veño da mesma tradición que vostede e Ortega Smith, un partido fundado polo tío do señor Puy --en referencia a Manuel Fraga Iribarne-- que se facía fotos coa Falanxe co puño no alto", sostivo.

Tras iso, e finalizado o debate, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, pediu intervir en virtude do artigo da Cámara (76.3) polo que o presidente da Cámara pode conceder a un representante o uso da palabra cando unha alusión afecte o decoro ou dignidade dun grupo.

Así, tras solidarizarse co "sufrimento" da familia de Arangünea, Puy pediu que se retire da orde do día as acusacións de "nepotismo, caciquismo e corrupción" á súa formación, unha reclamación que o socialista declinou nunha breve intervención na que tamén afirmou que non acusaba os deputados do PPdeG de ser "fascistas" senón que se refería "a certa tradición".

Ante a negativa do deputado socialista, Puy solicitou ao presidente do Lexislativo que revise as palabras do socialista por considerar que os seus cualificativos en referencia ao partido poden afectar á dignidade do grupo e, por tanto, deben de ser retiradas. Ante estas cuestións, tamén pediu a palabra a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, quen pediu á Presidencia da Cámara "equidade e xustiza" á hora de distribuír as quendas palabra.

Arquivo - O vicesecretario xeral do PSdeG e deputado autonómico, Pablo Arangüena. PSDEG - Arquivo
Arquivo - O vicesecretario xeral do PSdeG e deputado autonómico, Pablo Arangüena. PSDEG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta