Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2021 | Actualizada ás 16:37
'Flores e fobias' é o debut discográfico de ALE, o proxecto en solitario do músico galego Alexandro González, cantante e compositor do grupo Los Árboles, vinculado tamén a outras bandas da escena independente como Meu, Espiño, Pardo ou Sensacional.
No seu primeiro disco, ALE reivindica o pop-rock de raíces atlánticas. "As miñas influencias veñen de distintos lugares pero é certo que escoitei moita música arxentina e latina en xeral e espero que iso se note", explicou o músico, que non se esconde á hora de citar as súas principais referencias. "Gústame que se recoñeza a Andrés Calamaro ou a Fito Páez nestas cancións", apuntou.
Ademais das influencias chegadas desde o outro lado do charco, nas cancións de 'Flores e fobias' tamén hai numerosas referencias que evocan ao pop-rock español dos 80 e dos 90, á vez que son evidentes outras sonoridades próximas ao soul e ao R&B.
ALE incidiu no piano como instrumento principal, integrándoo nun son o-fi con sintetizadores e guitarras que se confunden entre si e cunhas melodías de voz completamente atemporais, para a composición e a produción destas cancións. "Recuperei a miña esencia e a miña forma de compor de outrora. Deime conta de que ese son, dalgunha maneira máis lixeiro, era o que eu buscaba para este disco e para este proxecto", comentou.
CANCIÓNS COMO TERAPIA
ALE detallou que o seu traballo en solitario representa un resumo das cancións que o forman. "Utilicei a composición destas cancións case como unha terapia na que afloraron as miñas fobias", indicou o músico, aclarando que buscou facelo dun xeito en parte irónico para evitar que fose moi traumático. "E non o foi. Ao contrario, está a ser moi divertido e ilusionante", afirmou.
Na portada do traballo, unha flor rosa parece desangrarse sobre un fondo laranxa. O deseño correu a cargo de Margo Rivas, sobre a que ALE lembrou que atopou a flor debuxada na porta do baño dun bar de Madrid. "Algo que para moita xente pasaría desapercibido a ela pareceulle que, emocionalmente, representáballe nese momento", destacou. Así, explicou que no momento en que el lle enviou o título do seu novo traballo, Margo soubo que aquela imaxe tamén lle representaría. "E así foi", concluíu o artista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.