A economía galega cae un 3% no primeiro trimestre, un punto menos que a media, segundo a Airef

Supón o terceiro menor descenso interanual entre comunidades.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2021 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A economía galega sofre unha caída do 3% no primeiro trimestre de 2021 en comparación co mesmo período de 2020, segundo a estimación publicada este mércores pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef).

Este retroceso interanual do PIB galego é un punto inferior á media española (-4,3%). De feito, supón o terceiro retroceso menos acusado entre comunidades, só por detrás de Castela-A Mancha (-2,3%) e Estremadura (-2,4%). Baleares sofre o maior esborralle (-15%).

Na comparativa intertrimestral, respecto dos últimos tres meses de 2020, o descenso do PIB galego é do 1%, neste caso o dobre da media española (-0,5%). Hai catro autonomías con crecemento neste caso: Cataluña, Canarias e Comunidade Valenciana (+0,3%) e Baleares (+1,1%).

A metodoloxía utilizada combina tres tipos de información estatística dispoñible para a análise rexional: os datos mensuais de indicadores de conxuntura desagregados a nivel territorial, os datos anuais compilados en termos de contabilidade nacional e, finalmente, as estimacións para o conxunto nacional publicadas pola Contabilidade Nacional Trimestral (CNTR).

A publicación dos datos realízase unha vez o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou o dato de avance trimestral do PIB de España, como ocorreu cos datos publicados o 30 de abril de 2021.

A economía galega reduce o seu crecemento anual
A economía galega reduce o seu crecemento anual | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta