Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/05/2021 | Actualizada ás 17:04
A Confederación de Empresarios da Coruña iniciou xa as xestións para solicitar que o Camiño Inglés sexa declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco, un recoñecemento co que xa contan outras rutas a Compostela.
O presidente da CEC, Antonio Fontenla, reuniuse co presidente de Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e co vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, para solicitar o apoio do organismo provincial a esta iniciativa.
"O Camiño é unha indiscutible fonte de riqueza para numerosas empresas que se benefician da impagable promoción do noso territorio e dos numerosos visitantes que atrae", sinalou Antonio Fontenla, quen destacou o feito de que "o Camiño Inglés é a única ruta que nace e remata en Galicia".
Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña destacou o "gran valor patrimonial" desta ruta, que discorre por 18 concellos da provincia, e manifestou o seu apoio á iniciativa para que poida ser declarado Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO.
A proposta da Confederación de Empresarios da Coruña prodúcese en plena celebración do Ano Santo Compostelán, cuxa conmemoración se estenderá ata finais de 2022 debido á pandemia da covid-19. "Cremos que non podería haber ocasión máis adecuada para esta solicitude", remarcou o presidente da confederación, quen expresou o seu desexo de que se poida superar a situación pandémica actual para que a ruta de peregrinación "recupere o seu esplendor".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.