Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2021 | Actualizada ás 17:06
A Xunta desactivou este domingo o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) polo incendio que desde a tarde deste sábado afecta as instalacións da conserveira Jealsa en Boiro. Aínda que o lume segue controlado, os servizos de extinción continúan co labor de arrefriado do perímetro e de vixilancia sobre os focos que permanecen activos.
Así o indican fontes do 112 Galicia, que informan de que aínda hai dotacións de bombeiros no lugar para vixiar e evitar que as chamas, controladas desde as 20,30 horas do sábado, non se reavivan.
Este incendio industrial calcinou 11.000 metros cadrados de superficie na planta de Jealsa na zona de Bodión. Ardeu a zona de conxelados --onde se orixinaron as chamas--, a de cocción e a de procesado, segundo información do 112 Galicia.
O lume declarouse ao redor das 14,30 horas do sábado e a súa magnitude obrigou a activar o nivel 1 do Platerga, que ao redor das 16,00 do domingo xa quedou sen efecto. Así mesmo, a gran fumareda desprendida obrigou a desaloxar por precaución a uns 60 veciños que na mesma tarde do sábado xa puideron volver ás súas vivendas.
Os labores de extinción, que aínda continúan, prolongáronse durante a noite co apoio do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que mobilizou ata o punto unha bomba de achique de gran caudal, un camión abastecedor para fornecer auga aos servizos de extinción e un vehículo remolque cun dispositivo de iluminación para facilitar a visibilidade durante a noite. Ademais, un equipo de drones actúan sobre o terreo para avaliar os danos que deixa este incendio.
Por parte das autoridades, nestes dous días de amplo operativo acudiron á zona da conserveira o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, o alcalde de Boiro, José Ramón Romer, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.