“Cando dixeron que as residencias galegas estaban vacinadas ao 100% era mentira”

A Xunta deu por finalizada a vacinación en centros de maiores no mes de febreiro. Porén, os últimos gromos e as denuncias de varias asociacións do sector poñen en dúbida a versión oficial do proceso. “Están contratando traballadores non vacinados”, afirman en TEGRA.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Volve caer o foco sobre as residencias galegas. A Xunta de Galicia anunciou hai case tres meses que o Sergas completara a inmunización nos centros de maiores da comunidade, un proceso que abranguía usuarios e traballadores. Non obstante, os últimos gromos rexistrados veñen de xerar unha sombra de dúbidas avivada polas denuncias de colectivos que xa xogaron un papel central nas protestas pola mortalidade da primeira vaga.

Un traballador sanitario totalmente protexido traslada unha padiola nas inmediacións da residencia de anciáns de San Cibrao, en imaxe de arquivo. Carlos Castro - Europa Press
Un traballador sanitario totalmente protexido traslada unha padiola nas inmediacións da residencia de anciáns de San Cibrao, en imaxe de arquivo. Carlos Castro - Europa Press

Galicia comezou a vacinación en centros de maiores nos últimos días do pasado mes de decembro. Apenas dous meses despois, a Xunta anunciou que culminara o proceso "no 100% do persoal e dos residentes" coa excepción daqueles centros afectados por gromos, que serían vacinados cando se “normalizase” a situación. O problema estaría en que, de acordo con TREGA e a asociación de familiares Vellez Digna, nas residencias galegas quedarían persoas sen vacinar a día de hoxe.

O avance da campaña do Sergas permitiu que os centros galegos foran liberando paulatinamente a bolsa de contaxios acumulada tralo Nadal. A tendencia descendente, porén, deu un xiro o 3 de marzo. Ese mércores saltou a nova dun gromo nunha residencia de Xinzo na que, apuntaba o Sergas, todos foron vacinados. O foco, que estalou con 7 usuarios, foi valorado pola área sanitaria de Ourense como “dentro do esperable” pola eficacia limitada das vacinas. Os laboratorios danlles a razón: os preparados de Moderna e Pzifer --a que se administrou aos anciáns-- contan cunha efectividade do 90% á hora de prever o contaxio. A cifra caeu sobre as suspicacias e calou o conto.

GROMOS TRALA VACINA

Pero o pasado 16 de abril, cando as residencias galegas cumprían xa dúas semanas sen positivos, o Sergas informou dun novo foco na DomusVi de Chantada e que, neste caso, era distinto. O gromo, que chegou a 13 casos, obrigou á Consellería de Política Social a recoñecer que un traballador do centro non estaba aínda vacinado; pois, segundo apuntaron, seguía sen recibir a segunda dose ao non cumprirse o período protocolario entre ambas.

A Xunta de Galicia xa anunciara que a administración da vacina tería lugar máis tarde no caso daquelas residencias que, por estar a sufrir gromos, non puideran sumarse á campaña do inverno. Do mesmo xeito, a Consellería de Sanidade explica que nos centros de Galicia segue a haber persoas sen inmunizar por contraindicacións médicas ou “por rexeitamento”. Porén, as principais asociacións do sector sosteñen que o problema iría moito máis alá.

O CASO DOS TRABALLADORES

“Cando dixeron que as residencias estaban vacinadas ao 100% era mentira”, asegura María Rodríguez, actualmente en Vellez Digna, unha das plataformas máis implicadas no exame da mortalidade da primeira vaga. Outra voz no eido, Sonia Jalda, defende unha visión semellante: “hai traballadores que entran novos e non están a ser vacinados”. Jalda preside o colectivo de Traballadores de Residencias Galegas. Aínda que xa non exerce nestes centros, mantén comunicación directa con moitos empregados que si o fan e testemuñan unha visión ben distinta da que tenta proxectar a Xunta.

De acordo co tecido asociativo, a administración autonómica tería faltado á verdade co caso dos anciáns e seguiría mentindo no tocante aos traballadores. Jalda explica que, nos meses que durou o proceso de vacinación, o Sergas deixou sen inmunizar aos maiores que, ante o acontecido na primeira vaga, decidiran abandonar temporalmente os centros pero mantendo a praza. Algunhas destas persoas terían regresado aos centros pero sen vacinar, e á espera de que o Sergas os convocara por cuestión de idade. O mesmo acontecería no caso dos anciáns que solicitaron praza tralas moitas mortes dos primeiros meses. “O lóxico sería que os vacinaran ao entrar, pero non foi así”, sostén Jalda.

A XUNTA NÉGAO

Estímase que o avance da vacinación nas franxas de idade --aínda coas moitas denuncias xurdidas-- rematou por alcanzar tamén a estas persoas. Distinto sería o caso dos traballadores. Segundo a TREGA, as residencias de Galicia seguirían a contratar a persoas ás que, por idade, aínda non lles tocou pasar pola fila de vacinación. “Son auxiliares, en particular”, concreta Jalda, que explica que o Sergas “si vacinou ás persoas das súas listaxes de contratación”. Esta problemática non afectaría só a empregos que declinaran ser vacinados ou non puideran por cuestións de saúde, como xa subliñou a Xunta, senón a persoas que, simplemente, non foron chamadas aínda ás colas.

Ante esta versión, a Consellería de Sanidade asegura que o reparto de doses en residencias “xa finalizou” e non se pronuncia sobre a existencia de casos sen vacinar máis alá dos que se negaron a recibila. Porén, a palabra da Xunta semella valer cada vez menos para as asociacións que artellan o sector. A administración autonómica leva máis dun ano no centro das olladas, tanto pola elevada mortalidade da primeira vaga como a raíz da súa suposta proximidade aos grupos empresariais que xestionan estes centros. 

Estas últimas suspicacias foron alimentadas meses atrás tras coñecerse que o Sergas vacinara a Josefina Fernández, conselleira delegada de DomusVi e amiga persoal de Feijóo, segundo fontes do sector. Con estas cartas sobre a mesa, a presidenta de TREGA non ve visos de que Política Social vaia poñer freo á suposta entrada de non vacinados: “non sabes o que vai pasar coas contratacións de verán”, advirte, quizais premonitoria. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta