Por E.P. | SANTIAGO | 10/05/2021 | Actualizada ás 12:49
A Consellería de Sanidade levará este luns ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) as medidas propostas para conter a pandemia tras o fin do estado de alarma, que manteñen os peches preimetrais e o toque de queda naqueles municipios con máis de 500 casos por 100.000 habitantes, así como restricións a reunións, aforamentos e horarios no resto da comunidade.
Así o dixo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a súa participación no Almorzo Socio-Sanitario organizado por Europa Press, onde admitiu que o Goberno galego acolleu o fin do estado de alarma con "moita incerteza" e "sen as ferramentas xurídicas" que considera "necesarias". "Desde Galicia insistimos na necesidade destas ferramentas", resolveu. En relación a esta cuestión, lembrou que a Xunta "desenvolveu a súa lexislación propia", a reforma da Lei de Saúde, que, desde o seu punto de vista, é "totalmente respectuosa coas leis orgánicas" do Estado.
Tras a súa aprobación, e "sen resposta anticipada" por parte do Executivo central, criticou García Comesaña, recibiuse "un recurso de inconstitucionalidade" por parte do Goberno, que "veu acompañado cunha suspensión provisional" dalgunhas das súas medidas.
"Agora mesmo estamos con ese desamparo de non ter unha lei nacional e non poder utilizar a nosa propia lei", dixo o conselleiro de Sanidade, que lamentou que "a única solución" do Executivo estatal é "xudicializar as decisións ao cadrado". Aínda que García Comesaña destacou que a relación co TSXG no relativo á covid-19 "foi en todo momento excelente", afirmou que "os xuíces non están para isto", se non que deben existir "outras ferramentas para xestionar a pandemia".
A preguntas dos asistentes, e en relación á reforma da Lei de Saúde galega, Comesaña defendeu que o seu articulado "non di exactamente" que poida obrigarse á poboación a vacinarse, se non que inclúe que "se algunha vez houbese unha lei orgánica que recolla a obrigación a vacinarse", a norma galega tamén o ampararía.
CRÍTICAS CISNS
Por outra banda, García Comesaña criticou que o Goberno cambiase, en certa medida, o funcionamento do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) e adopte as medidas que foron aprobadas por maioría e non por unanimidade.
"No CISNS as cousas facíanse antes por unanimidade e agora fanse por maioría. Gustaríanos que os criterios fosen máis científicos, pero ao final prima o criterio de votacións", sinalou o conselleiro. De feito, García Comesaña informou de que a lei pola que se crea o CISNS sinala a necesidade de que as decisións se tomen por "unanimidade", aínda que lamentou que o Goberno presidido por Pedro Sánchez estea a tomalas "por maioría".
Así mesmo, o conselleiro de Sanidade insistiu na importancia que ten que o CISNS teña un carácter vinculante, e apostou polas reunións semanais do pleno, como se realizou desde o comezo da pandemia do coronavirus, porque "sempre" saca "cousas positivas" ao escoitar ao resto de conselleiros das diferentes comunidades autónomas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.