Por Europa Press / Redacción | MADRID | 14/05/2021 | Actualizada ás 12:44
O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoó, advertiu de que, mentres non se "unifique o centro-dereita" en España, hai "moitas posibilidades de que a esquerda goberne" e subliñou que Vox "non veu a solucionar ningún problema". Neste sentido, sinalou que en Galicia se conseguiu que a formación de Santiago Abascal "non teña nin un concelleiro" e "ese é o modelo".
Nunha entrevista concedida a Radio Euskadi, recollida por Europa Press, o dirixente galego insistiu en que "a concentración do centro dereita é a única alternativa para que non gobernen os independentistas cataláns co socialismo de Sánchez e o populismo de Podemos".
"Mentres non unifiquemos o centro-dereita en España, hai moitas posibilidades de que a esquerda e a esquerda populista goberne", asegurou. Preguntado se é partidario de gobernar con Vox, advertiu de que esta formación "non veu a solucionar ningún problema ao noso país". Deste xeito, lembrou que en Galicia se conseguiu que Vox "non teña un concelleiro" e o PP ten maioría e goberna "con responsabilidade". "Ese é o modelo", subliñou.
APOIO AO PRESIDENTE
Doutra banda, cuestionado sobre a posibilidade de que poida optar no futuro a liderar o Partido Popular, lembrou que decidiu non presentarse ao Congreso de 2018, tras a moción de censura contra Mariano Rajoy, e "neste momento temos un presidente, ao que imos apoiar para que poida tentar cambiar o Goberno de España".
"Este é o panorama no que estamos a traballar", manifestou Núñez Feijoó, que sinalou que lle gustaría que "houbese un cambio de ciclo político e volvésemos facer unha política máis occidental, máis Europea, máis previsible nun momento en que se necesita subir un pouco o listón da política para xestionar realmente os problemas da xente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.