Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 24/05/2021
Até este venres 21-M decorreron case cen días sen acordo entre Junts e ERC, malia a claridade do diktat cidadán, que quería un goberno independentista, na práctica ao 50% entre Junts e ERC, pois que os votos emitidos non se poden interpretar doutro xeito.
Contra o que opinaron a eito os media estatais-madrileños non pairaba só a cuestión do reparto das áreas de goberno, senón a posición relativa do president Puigdemont e do Consell de la República, a estratexia a desenvolver perante os Parlamentos estatal e europeo e máis a opción pola táboa de diálogo proposta pola ERC ou polo confrontamento intelixente proposto por Junts.
Fumata bianca
Ningúen poderá negar que os partidos atinxidos negociaron con seriedade, intensidade e dedicación, defendendo cadansúas posicións de parte, mais tentando reconducir cadansúas posicións ao mandato cidadán que quería Govern independentista en pe de igualdade entre Junts e ERC. Acadado o acordo, porén, semella fume de pallas aquela teoría dalgúns republicanos de que Junts habería dar de balde os seus votos a prol don goberno disque de esquerdas.
Porque para construir República cómpre contar con toda a cidadanía ou, polo menos, cos máxima xente posíbel. Xa que logo, non se pode construir a República só coa participación das autodenominadas esquerdas, porque a República ha levar a semente dun sistema pluralista de xogo de gobernos e oposición. Neste senso, Junts ten sacrificado ao longo do seu proceso de creación algunhas das tácticas máis gobernamentais para server de encaixe a sectores da Catalunya transversal históricamente non interpelados de xeito directo por CDC e PdeCAT. Mais este achegamento ao talento do país (que permitiu a incorporación ás súas ringleiras ao senlleiro avogado, antigo cabezaleiro da avogacía barcelonesa e catalá, Jaume Alonso-Cuevillas ou do empresario e recente president da Cambra de Barcelona, Joan Canadell) precedeu á segunda tirada desta fichaxe de talento, integrando no Govern ao novo conseller de Economía, Jaume Giró (director xeral até 2019 da Fundació La Caixa d`Estalvis, socio fundador e de control de Caixabank, cesado por se opór ao traslado da súa sede fóra do Principat), ao epidemiólogo Josep María Argimón ou á nova consellera de Acción Exterior, Victòria Alsina.
Dixo o preso político Jordi Sánchez, secretario xeral de Junts e máximo responsábel da negociación canda o novo president Pere Aragonès que a fichaxe de Giró situaba aos soberanistas transversais ao epicentro do mundo económico. Á vista dos primeiros dados sobre a composición da súa parte do Govern e do seu Grupo Parlamentario poderían avanzar cara o epicentro de moitos sectores da cidadanía catalá, sempre que medren de xeito equilibrado, xeneroso e intelixente.
Mentres, ERC acadou unha Presidencia xurídica e políticamente fulcral, malia que sometida ao réxime primus inter pares que a cidadanía catalá escolle dende as eleccións do 21-D de 2017, as que convocou ilegal e ilexítimamente o Goberno do Estado a medio do autogolpe do 155. Sen dúbida Pere Aragonés amosou, malia a súa xuventude, experiencia política e coñecemento das Administracións abondos para coordenar unha andaina de común gobernanza que ten no peche da crise sanitaria, na reconstrución económica e nas crises ecolóxico-enerxética e social os seus principais eixos de gobernanza.
Cómpre dicir que o xogo caloteiro do Madrid político e xudicial e a arbitraxe caseira do Tribunal Constitucional deixa ao autogoberno catalán ferramentas limitadas para enfrontar estes catro reptos. Mais estas limitacións non poden facer esquecer a importancia dunha boa gobernanza, dunha xestión eficiente e razoábel, primeiro e, de poder ser, transformadora despois. Porque cómpre lembrar que son as pemes e emprendedoras, as clases medias, as persoas traballadoras e as persoas excluídas e en risco de exclusón as que primeiro sofren da ineficiencia xestora.
Que o nou Govern administre e xestione acaídamente é preciso para unha boa gobernanza e para acadaren a República. Mais non é abondo.
O papel do president Puigdemont e do Consell per la República catalana
ERC reivindicou nesta andaina negociadora que o Consell per la República catalana non habería “titorizar”, de xeito ningún, ao Govern e ao seu president. A proposta ten certa forza tautolóxica, malia que-mesmo analisada dende fóra do territorio catalán- non deixe de ser algo equívoca.
Claro é que a tarefa do día a día na xestión, na gobernanza catalá non pode ser titorizada por ninguén. Mais cómpre lembrar que a lexitimidade institucional e política que conciben as persoas que están pola República baséase no mandato do 1-Ou e na lexitimidade continuada do Govern e do Parlament ilexítimamente cesados polo 155 o 28-Ou de 2017. Neste senso, as eleccións do 21-D de 2017 elixiron un novo Parlament malia que ningún President convocara lexítimamente estas elección, como as recentes eleccións do 14-F de 2021 non foron convocadas tampouco lexítimamente, pois que foron anticipadas polo cesamento xudicial-tamén ilexítimo- do president Torra.
Velaí que a lexitimidade do actual Govern e Parlament estea moi vencellada á lexitimidade das Institucións arbitrariamente removidas en outubro de 2017. Lexitimidade encarnada no President Puigdemont e, de primeiras, confiada no Consell sen oposición de ERC nin das CUP. Mais a cuestión non é só de lexitimidade de orixe, senón de eficacia no exercicio. A República catalá precisa da tarefa que na Europa e no mundo teñen desenvolvido e desenvolven o President Puigdemont, os consellers e conselleras no exilio, a representación no Parlamento Europeo e máis o propio Consell per la República.
A estratexia do exilio e da internacionalización xurídica e política do conflito tense amosado moi acaída para o mantemento na axenda internacional e europea da cuestión catalá e para identificar as fendas xurídicas e de praxe democrática do Estado español e expoñelas á opinión pública europea e mundial.
Para Catalunya gañaren a súa República a boa gobernanza da Generalitat é precisa, máis non é abonda. Cómpre a acción exterior, no ámbito simbólico e democrático, do president Puigdemont e dos outros actores depositarios da lexitimidade do 1-Ou.
Dous anos de cheque en branco en Madrid?
Outro dos pontos fulcrais do pacto atendía ao priorizamento da táboa negociadora Generalitat-Estado que propuña ERC vs o confrontamento intelixente que defendía Junts, constituído nun auténtico leitmotiv de campaña pola súa candidata e hoxe presidenta do Parlament, Laura Borrás.
O acordo outorga un máximo de dous anos para que a política de diálogo dea froito, sempre no horizonte da amnistía e do referéndum pactado. Decorrido este prazo priorizaríase o confrontamento pacífico e intelixente que nos desbotaría as vías unilaterais.
O pacto acadado quizais era o único pacto posíbel nesta altura, malia que o tempo outorgado (dous anos) semella longo de máis na actual conxuntura do Estado e, nomeadamente, dos partidos que integran o seu Goberno. A resolución da recente crise norteafricana e máis o paralisamento dos indultos aos presos políticos e da rebaixa penolóxica do deliccto de sedición no Código Penal amosan que o cheque case en branco outorgado estes últimos meses por ERC e máis EH Bildu nin obtén contrapartidas políticas nin mesmo modifica os marcos mentais das esquerdas españolas. O voto en contra dos comúns á investidura do president Aragonés reflicte a unidade de destino no universal dos unionistas todos.
Dous anos de negociación baleiras complementadas por un apoio sen contraprestacións ao Goberno do Estado no Congreso semellan moito tempo. Os partidos do Govern, os outros partidos independentistas e as organizacións da sociedade civil haberían cumprir co seu rol fulcral de análise, pulo social, crítica construtiva e mobilización social.
O papel da sociedade civil.
Neste senso, ANC e Omnium son fulcrais. O remate da crise sanitaria habería sinalar tamén a época na que o soberanismo catalán volte demostrar a súa pacífica forza e razón na rúa. A sociedade civil haberá seguer a construir país, dende a defensa dos seus intereses sectoriais, mais tamén dende a defensa do conxunto da sociedade catalá.
Velaí a conquista para a o empresariado pequeno e mediano da Cambra de Barcelona pola candidatura de Joan Canadell ou a desputa da dirección do Colexio de Avogados de Barcelona pola candidatura anovadora de Gonçal Oliveros e Anna Boza fronte á candidatura continuista de Maria Eugènia Gay nas vindeiras eleccións da fin de xuño. Como moi ben definiu o ex decano e deputado Jaume Alonso-Cuevillas a renovación é obrigada para que o Colexio barcelonés volte defender os intereses da sociedade, dos pequenos e medianos Despachos xurídicos e da cidadanía, fronte unha Xunta de Goberno actual defensora dos privilexios do Poder.
Nas últimas horas a involución unionista segue enchoupar as devanditas e outras Institucións da sociedade civil catalá. O xornal La Vanguardia ven de pechar a colaboración nas súas páxinas de Pilar Rahola, presente nelas dende 2007.
O nou Govern, os partidos soberanistas, a ANC, Omnium e as institucións fulcrais da sociedade civil catalá teñen tarefa abonda por diante. E van precisar a axuda e comprensión das persoas e dos pobos amigos. A suposta equidistancia remata sendo incompatíbel coa ecuanimidade democrática propia do sentidiño.