Así avanza o eucalipto en Galicia

O Eucalyptus globulus cobre xa case a metade da superficie forestal da provincia da Coruña e dos distritos da Mariña luguesa e Caldas-O Salnés, segundo un novo estudo científico.

Por Alberto Quian | Madrid | 26/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O eucalipto cobre xa máis do 44 % da superficie forestal da provincia da Coruña e dos distritos forestais de Caldas-O Salnés (Pontevedra) e da Mariña luguesa. E ameaza os de Lugo-Sarria, Terra Chá, O Ribeiro-Arenteiro e Deza-Tabeirós, “onde pode producirse un importante aumento da cobertura desta especie se non se toman medidas”. Son datos e advertencias de investigadores do grupo SMartForest, no Departamento de Biología de Organismos y Sistemas da Universidad de Oviedo, e do Departamento de Ingeniería y Ciencias Agrarias da Universidad de León.

Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/
Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

Os científicos veñen de presentar os resultados dun estudo sobre a cobertura actual do eucalipto e a súa posible evolución até o ano 2050, en espazos naturais protexidos e nos 19 distritos forestais de Galicia: I-Ferrol; II-Bergantiños-Mariñas Coruñesas; III-Santiago-Meseta Interior; IV-O Barbanza; V-Fisterra; VI-A Mariña Lucense; VII-A Fonsagrada-Os Ancares; VIII-Terra de Lemos; IX-Lugo-Sarria; X-Terra Chá; XI-O Ribeiro-Arenteiro; XII-Miño-Arnoia; XIII-Valdeorras-Trives; XIV-Verín-Viana; XV-A Limia; XVI-Deza-Tabeirós; XVII-O Condado-A Paradanta; XVIII-Vigo-Baixo Miño; XIX-Caldas-O Salnés.

O 94% da superficie da provincia da Coruña é apta  para o cultivo de Eucalyptus globulus, seguida de Pontevedra (82 %), Lugo (21 %) e Ourense (só o 4 %)

Para a análise, empregaron 13 indicadores para a situación actual e, de cara ao futuro, baixo dous escenarios de cambio climático: o moderado (RCP4.5) e pesimista (RCP8.5). A comunidade científica internacional traballa con catro escenarios diferentes nas súas proxeccións, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríanse diferentes impactos do cambio climático. Así, o escenario RCP 2.6 é o máis optimista, cunha redución de gases; os RCP4.5 e RCP6.0 son os de estabilización das emisións, e o RCP8.5 é o escenario extremo, cun nivel moi alto de emisións seguindo a tendencia actual de aumento a nivel global. É cos escenarios 4.5 (intermedio) e 8.5 (extremo) cos que traballaron os científicos autores deste estudo, con proxeccións futuras para o ano 2050 (estes escenarios son cos que máis traballa a comunidade científica, dados os escasos e lentos pasos que se deron até agora para frear as emisións de gases).

A CORUÑA, ONDE MÁIS SE EXPANDE

Os seus resultados indican que case todo o territorio da provincia coruñesa, o 94%, é adecuado para o cultivo de Eucalyptus globulus, seguida de Pontevedra (82 %), Lugo (21 %) e Ourense (só o 4 %). Datos que, din, “son coherentes coa superficie que actualmente ocupa a especie na Coruña, xa máis de 200.000 hectáreas, o que equivale ao 54 % do grao de ocupación na provincia” (o grao de ocupación é a relación entre a superficie cuberta por eucalipto e a superficie arborada total).

Bosque de eucaliptos en Galicia / José Antonio Gil Martínez en Flickr: www.flickr.com/photos/freecat/247625545/
Bosque de eucaliptos en Galicia / José Antonio Gil Martínez en Flickr: www.flickr.com/photos/freecat/247625545/

Por distritos forestais, o grao de ocupación do eucalipto supera o 45 % en todos os distritos desta provincia e alcanza o 65 % no de Ferrol.

O 67 % de toda a superficie de plantacións de eucalipto en espazos naturais protexidos en Galicia está na provincia da Coruña.

Isto explícase pola relevancia económica do eucalipto na provincia da Coruña, xa que supón máis do 60 % do volume total da produción de madeira en todos os distritos da provincia, alcanzando o 88 % no de Ferrol, segundo os datos deste estudo.

“Como consecuencia da elevada idoneidade da terra para o cultivo de eucaliptos, o 67 % (3.285 hectáreas) de toda a superficie de plantacións de eucalipto en espazos naturais protexidos en Galicia (4.962 hectáreas de eucaliptais) está na provincia da Coruña. Esta área concéntrase principalmente no distrito I-Ferrol”, detallan os autores da investigación.

Na Coruña, o grao de idoneidade (relación entre a área de hábitat adecuado para o Eucalyptus globulus e a superficie forestal do distrito) dos espazos naturais protexidos para o eucalipto é lixeiramente inferior (10 % menor) que no resto da provincia, e o grao de ocupación é moito menor, un 29,5 %, fronte ao 53,7 % para toda a provincia. Nestes espazos naturais con protección especial, o valor máximo de ocupación do eucalipto corresponde de novo ao distrito de Ferrol (32,1 %).

A MARIÑA, UNHA EXCEPCIÓN EN LUGO

No caso da provincia de Lugo, o eucalipto ten un peso “moderado” en todo o seu territorio, cunha idoneidade e ocupación do 21% para ambos os indicadores.

O distrito forestal da Mariña luguesa ten un 70 % da súa superficie arborada ocupada por eucalipto

Porén, no norte, o distrito da Mariña é un dos que presenta maior ocupación por eucalipto, cun grao de idoneidade do 90 % e un 70 % da superficie arborada ocupada por eucalipto (64.000 hectáreas).

No resto de distritos forestais desta provincia, só un ten unha idoneidade ou ocupación significativas da especie, o da Terra Chá, lindeiro co da Mariña polo sur. Unha cuarta parte da superficie forestal deste distrito é adecuada para Eucalyptus globulus e o 21 % do terreo boscoso está cuberto por esta árbore invasora, segundo datos desta investigación.

Os datos da Mariña e da Terra Chá contrastan cos dos distritos da Fonsagrada-Os Ancares e Lugo-Sarria, que mostran “baixa ocupación” do eucalipto (1,6 % e 7,1 %, respectivamente) e “baixa idoneidade” (cero e 3,3 %, respectivamente). Con todo, os investigadores víronse sorprendidos polos valores de relevancia económica do eucalipto nestes dous distritos, “máis altos (19 % e 22 %, respectivamente) do esperado a priori”.

A presenza do eucalipto en espazos naturais protexidos na provincia de Lugo é “moi baixa” (3 %) e a idoneidade destas áreas para a especie é só do 7 %. Datos que contrastan cos obtidos para A Mariña e Terra Chá, con valores de idoneidade do 58 % e do 19 %, e de ocupación do 31 % e do 7 %, respectivamente.

PONTEVEDRA, AMPLAMENTE AFECTADA

Os investigadores destacan que malia que a provincia de Pontevedra é a terceira por superficie total ocupada polo eucalipto, con 52.540 hectáreas –por detrás da Coruña (203,708 ha.) e Lugo (88,398 ha.), ocupa o segundo posto na idoneidade (82 %) e no grao de ocupación (27 %).

O distrito de Caldas-O Salnés ten un 44 % da súa superficie arborada cuberta por eucalipto

Destacan o distrito de Caldas-O Salnés, cun 44 % da súa superficie arborada cuberta por eucalipto e unha relevancia económica do 70 %. No resto de distritos pontevedreses, os valores ocupación están entre o 10 % e o 30 %, e a relevancia económica, entre o 32 % e o 45%.

Entre os catro distritos da provincia, salientan o caso de Deza-Tabeirós, “similar” aos da Fonsagrada-Os Ancares e Lugo-Sarria, xa que mostra unha baixa presenza de eucalipto, cunha ocupación do 10 %), pero cunha relevancia económica relativamente alta, do 32%.

En canto aos espazos naturais protexidos nesta provincia, destacan como “excepción” o distrito de Deza-Tabeirós, cunha idoneidade das condicións para o desenvolvemento do eucalipto do 39 %, mentres que nos outros tres distritos é superior ao 95%, aínda que a ocupación é inferior ao 10 % en todos. Con todo, subliñan, “os indicadores de expansión potencial sempre son superiores ao 60 %”.

OURENSE, A MELLOR PROTEXIDA

No caso de Ourense, consideran que o feito de que sexa a única provincia interior de Galicia, sen costa, “é a principal razón pola que a idoneidade é relativamente alta (24 %) nun só distrito, o Ribeiro-Arenteiro, aínda que o grao de ocupación é actualmente só o 1 %”.

De novo, de xeito similar ao nos distritos da Fonsagrada-Os Ancares, Lugo-Sarria e Deza-Tabeirós, malia esas baixas porcentaxes, a relevancia económica do eucalipto no Ribeiro-Arenteiro é relevante, do 18 %.

Por último, salientan que “non hai presenza relevante de eucalipto nos espazos naturais protexidos na provincia de Ourense”.

EXPANSIÓN POTENCIAL

A idoneidade da case totalidade da provincia da Coruña para o eucalipto fai que os valores de todos os indicadores potenciais de expansión sexan “moi elevados”, apuntan os investigadores.

Así, “máis do 90 % do bosque nativo está crecendo nun hábitat adecuado para Eucalyptus globulus”, “a maioría dos bosques de coníferas ou mixtos tamén poderían ser substituídos polo eucalipto” e “a porcentaxe de áreas non arboradas naturais e semi-naturais incluídas no hábitat adecuado para Eucalyptus globulus (potencial de forestación) é elevada, superior ao 75 % en todos os distritos”, advirten os investigadores.

Ese alto nivel de expansión potencial do eucalipto tamén se observa nos espazos naturais protexidos da provincia.

Os datos para a provincia de Pontevedra son “moi similares” aos obtidos para A Coruña, mentres que en Lugo ese o potencial de expansión só é “relevante” no distrito da Mariña e en Ourense só Ribeiro-Arenterio mostra un “potencial significativo” para a expansión de Eucalyptus globulus.

FRAGMENTACIÓN DA PAISAXE

A fragmentación do hábitat é un proceso de cambio ambiental no que unha grande área de hábitat se transforma nunha serie de parches máis pequenos que están illados entre si por unha matriz de ecosistemas con propiedades diferentes á do hábitat orixinal.

Neste estudo, os investigadores observaron que na provincia da Coruña o tamaño medio dos parches para o eucalipto é entre tres e quince veces maior que para os bosques autóctonos de frondosas. As maiores diferenzas (15 e 8 veces maiores) danse nos distritos forestais de Ferrol e Bergantiños-Mariñas Coruñesas, respectivamente.

No distrito de Ferrol identificouse unha “enorme área continua ocupada por eucalipto” de case 35.000 hectáreas

O tamaño medio dos parches de bosque de frondosas é case constante en toda a provincia, con extensións de entre 3 e 5 hectáreas, mentres que os de eucalipto oscilan entre 15 e 38 hectáreas., segundo os datos desta investigación.

No distrito de Ferrol identificouse unha “enorme área continua ocupada por eucalipto” de case 35.000 hectáreas. “Curiosamente”, apuntan os científicos, nesta provincia “a maior área de parches forestais de frondosas, con 2.150 hectáreas de bosques nativos continuos, tamén se dá neste distrito”.

En canto á área núcleo dos parches de eucalipto, é entre 2 e 4 veces maior que no bosque autóctono. Pero “o descubrimento máis sorprendente foi que a área núcleo media é de 3 a 19 veces maior nas plantacións de eucalipto. De feito, os valores máis altos para os eucaliptos (35,8 e 17,2) e os valores máis baixos para o bosque autóctono (1,9 e 1,7) observáronse nos distritos de Ferrol e Bergantiños-Mariñas Coruñesas” (a área núcleo é a superficie interior do parche que non está afectada polos bordos, é dicir, que non está ou está moi pouco afectada por perturbacións exteriores).

Os datos tamén indican que, en toda a provincia coruñesa, a densidade de parches é de media dúas veces maior no bosque nativo que no bosque de eucaliptos, pero é seis veces maior no distrito de Ferrol.

Na provincia de Lugo identifican o “peor escenario en canto a fragmentación do bosque autóctono en toda Galicia”, no distrito da Mariña, onde o tamaño medio dos parches de eucalipto é 25 veces maior que o bosque autóctono (75 hectáreas fronte a 3). E chegaron a identificar aquí unha superficie continua ocupada por eucalipto de máis de 50.000 hectáreas.

Neste distrito, a área núcleo dos parches é, de media, de 62 hectáreas para o eucalipto e de tan só dúas para o bosque nativo, “o que indica que a maioría dos parches forestais autóctonos son hábitats de bordo”, apuntan.

En Pontevedra, os distritos de Vigo-Baixo Miño e Caldas-O Salnés presentan un “alto grao de fragmentación do bosque autóctono”. E mentres que a área núcleo media para o eucalipto é entre 14,5 e 18,6 hectáreas, para o bosques autóctonos tan sé é entre 5,8 e 4,0.  

Na provincia de Ourense, observan que esta “non ten grandes superficies de cobertura continua de eucaliptos”

O EUCALIPTO AVANZARÁ CO CAMBIO CLIMÁTICO

De cara ao futuro, nos escenarios do cambio climático moderado e extremo, os datos “non mostran cambios importantes para a provincia da Coruña, xa que case toda a provincia xa é adecuada para o Eucalyptus globulus”.

Pero si se agardan “algúns cambios importantes” nas restantes tres provincias. En Lugo, para o horizonte temporal de 2050, espérase que o grao de idoneidade para o eucalipto aumente entre un 35 % e un 52 % e os indicadores de expansión potencial, entre un 33 % e un 62% nos distritos de Lugo-Sarria e Terra Chá. En conxunto, a provincia de Lugo aumentará a idoneidade para Eucalyptus globulus entre un 12 % e un 15 % en 2050,nos escenarios de cambio climático moderado e pesimista, respectivamente.

As proxeccións futuras tamén mostran dous distritos da provincia de Ourense cun importante aumento da idoneidade para Eucalyptus globulus: O Ribeiro-Arenteiro e Miño-Arnoia, que aumentarán entre un 57 % e un 70 %, e un 30-60 % para 2050 baixo escenarios de cambio climático moderados e pesimistas, respectivamente, cun aumento similar nos indicadores de expansión.

En Pontevedra, os científicos esperan que os distritos de Deza-Tabeirós e O Condado-Paradanta sufran aumentos no grao de idoneidade para o eucalipto do 27-31 % e do 13-15 % nos respectivos escenarios de cambio climático.

Estes aumentos, avisan, tamén se producirán nos espazos naturais protexidos en cada un dos distritos.

En Galicia, a superficie ocupada por eucaliptos aumentou en 11,29 veces, fronte a 6,99 en Euskadi, 1,90 en Asturias e 1,20 veces en Cantabria

A nova achega completa os resultados presentados recentemente por estes mesmos investigadores sobre o potencial invasor do Eucalyptus globulus para o norte de España, advertindo de que o cambio climático producirá “un aumento significativo do hábitat adecuado” para o eucalipto “nas áreas interiores de Galicia” e “unha leve redución nas outras tres comunidades autónomas (Asturias, Cantabria e Euskadi)”.

A situación presente xa é problemática, especialmente para Galicia, onde a superficie ocupada por eucaliptos aumentou en 11,29 veces, fronte a 6,99 en Euskadi, 1,90 en Asturias e 1,20 veces en Cantabria.

A actual cobertura de eucaliptos representa de media o 18,22 % da superficie boscosa das catro autonomías. Pero, novamente, emerxen diferenzas significativas: a especie invasora representa só o 2,69 % dos terreos boscosos de Euskadi, o 15,46 % en Asturias, o 19,47 % en Cantabria e o 23,82 % en Galicia.

En conxunto, alertan, “a superficie actualmente ocupada por eucaliptos no norte de España quintuplicouse nos últimos cincuenta anos”, destacando o caso da provincia da Coruña, a cal “sofre un desenvolvemento excesivo de plantacións, con máis do 44 % da superficie boscosa ocupada por eucaliptos”.

O escenario futuro pode ser aínda peor no caso de Galicia, única autonomía das catro analizadas na que se “prognosticou un aumento significativo no hábitat adecuado” para o desenvolvemento do eucalipto, concretamente nas áreas interiores do país.

Os científicos calculan que o hábitat adecuado actual para a expansión potencial do eucalipto en terreos forestais e outras áreas naturais e seminaturais suma unha superficie de 830.885,41 hectáreas nestas catro autonomías, das cales 296.356,71 están ocupadas actualmente por bosque autóctono, principalmente en Galicia (185.420,12 hectáreas).

As proxeccións futuras realizadas polos científicos indican un aumento do hábitat apto para o eucalipto de até 414.705,96 hectáreas para 2070 no peor escenario de cambio climático (RCP 8.5), a maior parte do cal tamén se atopa en Galicia, con 307.473,67 hectáreas calculadas.

Así, as previsións dos investigadores apuntan que “a presión sobre o bosque autóctono aumentará principalmente nas zonas do interior de Galicia” nas próximas décadas, se se manteñen as tendencias climáticas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta