Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/05/2021 | Actualizada ás 18:56
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, asinaron este venres o acordo para recuperar a iniciativa dos trens turísticos de Galicia, que se mantivo en suspenso en 2020 debido á pandemia do coronavirus.
Este acordo permitirá retormar este proxecto o próximo mes de xuño con 11 rutas dun día e protocolos adaptados á situación da covid. Os itinerarios desta oitava edición ofertarán máis de 1.500 prazas a través das 22 saídas que están previstas en total, todas elas en sábado. Os prezos serán os mesmos que en 2019: 45 euros os adultos e 20 os nenos.
En concreto, poranse en marcha as rutas dos faros, dos pazos e xardíns históricos, dos mosteiros e da lamprea, así como os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas: Rías Baixas, Ribeira Sacra --unha polo río Sil e outra polo Miño--, Valdeorras e Ribeiro.
Ademais, desde 2019, con motivo do Xacobeo, inclúese unha nova ruta polos Camiños de Santiago para descubrir o patrimonio galego a través de tres dos 10 itinerarios xacobeos oficiais: parte de Pontevedra --con achegamentos desde Vigo e Santiago-- e chega ata Sarria (Camiño Francés), e inclúe visitas aos mosteiros de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), e un paseo pola Muralla e a Catedral de Lugo (Camiño Primitivo).
De igual modo, os peregrinos que consigan a Compostela, os turistas que cheguen a Santiago en trens de alta velocidade e de longa distancia e os usuarios dalgunhas destas rutas turísticas conseguirán un bono 'Galicia Rail Pass', co que accederán a descontos durante tres días para visitas distintos destinos no territorio galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.