Por X.M. Fernández | Castro Caldelas | 31/05/2021 | Actualizada ás 09:30
A xornada estivo marcada pola implicación e o compañeirismo e, segundo nos traslada a alcaldesa de Castro Caldelas, comezou ben cedo. Os cazadores foron cargando nos seus remolques, coas súas mans e coa axuda dunha Pala Retrocargadora do concello, todo tipo de residuos: sofás, colchóns, neveiras, lavadoras, mobles, bidóns de lata, televisores, plásticos, caldeiros, bicicletas, .... Uns remolques que fixeron varias viaxes para ser baleirados a continuación, e de xeito selectivo, no Punto Limpo da localidade.
Esta iniciativa encádrase nunha acción colaborativa entre o 'Tecor Terra de Caldelas' e o Concello de Castro Caldelas. En palabras da alcaldesa, Sara Inés Vega, "ninguén mellor que este colectivo que coñece como ninguén os montes Caldelaos para localizar residuos incontrolados de difícil acceso en moitos casos".
Foron centos de quilos de ciscallos os que se recolleron, conseguindo deixar un pouco máis limpos os ríos e os montes de Castro Caldelas, paraxes que por mor de falta de conciencia ecolóxica dalgúns ocasionan un gran dano e impacto na natureza.
"Esta acción marca o xeito de colaboración entre este colectivo e a administración que esperamos sirva para concienciar da importancia de manter limpo o noso hábitat", concluía a rexedora local.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.