Porque, do que quero falar, é de todo iso que seguro que nas conclusións da tal Conferencia non vai aparecer, todas esas cousas que sería importante que o PSOE tivese claro e deixase claras e por escrito, entre outros motivos, para poder seguirse chamando socialista (tendo claro que, a día de hoxe, cando tal verba usamos, xa non podemos seguir falando nos termos nos que no século pasado se falaba ao pronunciala).
Saquen as conclusións que saquen os socialistas alí reunidos neses tres días que seguro que son intensos, sei de sobra, e insisto en que escribo dende antes de que todo pase, de que non se falará dunha manchea de cousas importantes que, ao non estar presentes no debate, o PSOE está ignorando e que sería importante que recuperasen entre outras cousas porque nalgún intre das súa historia formaron parte da súa esencia. Do mellor da súa esencia.
Por exemplo, sería importante que o PSOE lembrase nas súas conclusións que son un partido de clase obreira, ou sexa, un partido pegado á xente humilde e non á Troika; sería importante que o PSOE lembrase que dende a súa fundación é (era) un partido republicano e xa que logo que traballase arreo para conseguir ese cambio de réxime, máis xusto, mellor, máis democrático, máis civilizado, máis normal; sería importante que o PSOE lembrase que son un partido de esquerdas, é dicir, comprometido cun cambio da realidade, nacido para axudar a unha transformación das cousas para superar as inxustizas (antes dicíase "contradicións") do sistema capitalista, unha forma de organización inxusta, demoledora e inhumana.
Sen embargo, estou certo de que do que se fala na conferencia é de estratexias electorais, de "ilusionar á xente", de integridade, de renovación, de listas...en definitiva, da nada.
Sería importante que o PSOE lembrase que son un partido político e que o que deberían facer é, precisamente, política.
Iso sería xa un avance dos grandes.