Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2021 | Actualizada ás 17:19
A Xunta e o Colexio oficial de Traballo Social de Galicia renovaron o seu convenio de colaboración para prestar atención integral a través dunha quenda de garda ás mulleres vítimas de violencia de xénero a partir do momento no que presenten a denuncia.
A conselleria de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou este martes en Santiago o novo acordo co colexio, que dará continuidade ao servizo de quenda de garda que permita ofrecer atención profesional ás mulleres vítimas de malos tratos.
"Trátase dun servizo con carácter inmediato para situacións de urxencia, dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano en todos os partidos xudiciais da Comunidade galega", manifestou a conselleira, que puxo o acento na necesidade de acutar "na primeira liña de atención ás vítimas de violencia xénero".
A Xunta apunta nun comunicado que desde o ano 2019 destináronse máis de 400.000 euros para manter estas quendas de garda. Este servizo é unha das medidas postas en marcha en Galicia ao amparo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e articúlase ao redor de cinco eixos de actuación.
Por unha banda, dar apoio integral ás vítimas, á vez que se establecen intervencións individualizadas e coordinadas e divulgar os recursos a disposición destas mulleres. Ademais, o convenio tamén permite dar soporte aos centros especializados encargados destas gardas e ofrecer servizos de formación orientados aos profesionais.
"A violencia de xénero require especial atención das institucións e a colaboración coas entidades máis especializadas na materia", apuntou Lorenzana, que lembrou a existencia doutro convenio, neste caso subscrito co Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia, para ofrecer unha quenda de garda de atención psicolóxica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.