Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/06/2021 | Actualizada ás 22:10
O encoro de As Conchas leva anos sufrindo unha gran contaminación das súas augas sen que ningunha administración se faga cargo. Ecoloxistas en Acción denuncia que esta contaminación provoca, dende hai 10 anos, afloracións graves de cianobacterias que prolongan a contaminación das augas de aproveitamento hidroeléctrico.
Así, denuncia que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, pese a ter competencias sobre as augas do encoro, non aporta ningunha solución nin explica porque dende hai unha década están gravemente contaminadas as augas. Por outra banda, a Xunta de Galicia tampouco se involucrou no asunto ata fai un ano, cando organizaron unha xornadas participadas por axentes implicados na cuestión.
Destas xornadas concluíuse que había un gran problema de contaminación na comarca da Limia, cuxa orixe eran as macroexplotacións gandeiras. Porén, a Xunta segue autorizando ampliacións para esas instalacións intensivas "o que consideramos que empeoraron a problemática", expón Ecoloxistas en Acción.
Ante esta situación o deputado de Unidas Podemos, Juan López Uralde, rexistrou unha pregunta no Congreso na que expresa a urxente necesidade de saber cal é a orixe do exceso de nutrintes do encoro. Tamén solitiou que se identifique a orixe da contaminación e pediulle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que explique que medidas se van adoptar para remediar a grave situación das augas do encoro de As Conchas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.