A Xunta critica que o Goberno aprobe de maneira"unilateral" as compensacións por suspensión de desafiuzamentos

A Xunta censura que o Executivo estatal decida atribuír a xestión das medidas ás comunidades "sen previa consulta" e "sen facilitar información sobre como xestionar as compensacións ou sobre os fondos que se deben reservar para o gasto que suporán".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2021 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia criticou a actitude do Goberno central por aprobar de forma unilateral as compensacións aos propietarios de inmobles ou arrendadores pola suspensión dun desafiuzamento.

Nun comunicado remitido aos medios, sinala que se trata dunha nova medida do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ratificada o martes polo Consello de Ministros e publicada este mércores no Boletín Oficial do Estado (BOE), que implica "modificar unilateralmente o Plan de vivenda 2018-2021".

Para a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta decisión é unha nova mostra de que o Estado continua actuando de forma "unilateral", "sen informar as comunidades das medidas que adopta en materia de vivenda, a pesar de ser os gobernos autonómicos os que xestionan e tramitan os distintos programas do Plan de vivenda".

Neste caso concreto, a Xunta censura que o Executivo estatal decida atribuír a xestión das medidas ás comunidades "sen previa consulta" e "sen facilitar información sobre como xestionar as compensacións ou sobre os fondos que se deben reservar para o gasto que suporán".

Ademais, o departamento autonómico advirte de que as compensacións aos propietarios de inmobles ou arrendadores, pola suspensión dun desafiuzamento, non contan cunha liña de financiamento propio dentro do plan de vivenda, nin o Estado prevé fondos específicos.

Por iso, sinala que o IGVS se ve na obrigación de ter que detraer partidas orzamentarias doutros programas para atender posibles compensacións que se aproben.

A conselleria lembrou que se trata da segunda ocasión na que o Ministerio aproba un real decreto para estas compensacións, pois xa en decembro de 2020 publicou un no que se fixaban ditas contrapartidas.

No mesmo, apuntou, indicábase que no prazo dun mes, a partir da entrada en vigor, o Goberno aprobaría as medidas necesarias para que as comunidades puidesen utilizar os recursos do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

"A vista da situación actual, a Xunta só pode lamentar a improvisación e falta de coordinación do Goberno, unha situación de desinformación coas comunidades que arrastra desde hai meses, e que agora implica ter que analizar ao detalle e case sen tempo o Real Decreto que hoxe publica o BOE, co fin de coñecer o regulamento concreto", censura.

Ángeles Vázquez comparece nun pleno do PG, en imaxe de arquivo. XUNTA
Ángeles Vázquez comparece nun pleno do PG, en imaxe de arquivo. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta