Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/06/2021 | Actualizada ás 18:18
A eclipse de Sol deste xoves 10 de xuño poderá verse en Galicia a partir das 10.49 horas. A primeira zona da xeografía galega onde o fenómero será visible é a costa da Coruña, aínda que a diferenza con outros puntos como Ourense será de apenas un minuto.
Así, a eclipse parcial será visible no norte de Norteamérica, Europa e Asia. Iniciarase no océano Atlántico, a unha latitude de 23º, e terminará ao sueste de Kumul, na rexión autónoma de Sinkiang (China). A duración total do fenómeno será de 299 minutos (case 5 horas).
Trátase dunha eclipse anular, pois a Lúa estará próxima á súa posición máis afastada da Terra e non tapará por completo o Sol. Deste xeito, darase só nunha banda de territorio que vai de Canada a Groenlandia, o Mar Ártico e o extremo oriental de Siberia.
"Fóra desa zona, a eclipse será parcial e a Lúa ocultará tanto menos o Sol canto máis nos afastemos desa zona", explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María María da USC, José Ángel Docobo.
Así, na Coruña verase a eclipse parcial a partir das 10,49 horas. Case unha hora despois, ás 11.44 horas, alcanzará o seu punto máximo (13%) e concluirá 59 minutos despois, ás 12.43 horas. No resto de Galicia, os horarios serán similares. Por exemplo, en Ourense empezará ás 10.50 horas, chegará ao máximo ás 11.42 (11%) e terminará ás 12,39 horas.
De feito, a costa herculina será o punto da península ibérica onde o fenómeno será máis perceptible. Terá unha magnitude (fracción do diámetro solar ocultado pola Lúa) de 0,2 na costa noroeste (A Coruña), mentres que no interior e nordés da península será de 0,1 agás no sueste, nas illas Baleares e nas illas Canarias.
As últimas eclipses parciais de Sol observadas en España producíronse en 2015 e 2017, mentres que en 2005 puido observarse de forma completa unha eclipse anular. Dentro de cinco anos haberá a posibilidade de ver unha eclipse total na península e só medio ano despois, outro anular.
Con todo, Docobo advirte que é necesario seguir unhas medidas de seguridade para seguir o fenónemo, como non mirar o Sol sen protección, non empregar prismáticos ou telescopios. Así, recoméndase o uso de lentes especiais ou cristais de soldadura "de máxima protección" que, en todo caso, só deben servir para observar o fenómeno durante escasos segundos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.