Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/06/2021 | Actualizada ás 18:05
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que a súa formación apoia o traspaso da titularidade da autoestrada AP-9 a Galicia, pero subliña que o "prioritario" os socialistas é a "rebaixa histórica das peaxes".
"O prioritario para nós é a histórica rebaixa das peaxes, pero tamén apoiamos a transferencia da autoestrada a Galicia, sempre que esta non poña en perigo ou sexa un obstáculo para a rebaixa", sostivo o dirixente socialista.
Así se pronunciou nun comunicado remitido aos medios despois de que a fin de semana transcendese que o PSOE presentou no Congreso varias emendas á lei orgánica que transferirá á Xunta de Galicia a AP-9 (cuxo trámite foi desbloqueado esta mesma semana pola Mesa da Cámara), de modo que este traspaso soamente afectaría á "administración e explotación" e non á súa titularidade, que continuaría sendo estatal.
O xefe de filas dos socialistas galegos subliña que manteñen a súa posición sobre a transferencia, pero insiste en que "o primeiro" agora mesmo é a rebaixa. "Queremos que ambas as cuestións sexan unha realidade, pero as bonificacións son o urxente, xa que é o que reverte directamente sobre o peto dos galegos e galegas", incidiu.
Segundo Caballero, "parece que a concesionaria non está conforme coas rebaixas", polo que non "se sabe como vai reaccionar a empresa ante o Estado, que si vai rebaixar as peaxes". Por iso, sinalou que se está ante unhas "semanas centrais" para a execución destes descontos e é necesario "ver como evoluciona" a negociación con Audasa, así como os informes preceptivos.
Por último, o dirixente socialista reivindicou as bonificacións do Goberno de Pedro Sánchez e do ministro Ábalos como "un feito histórico para a mobilidade en Galicia" cando o compromiso se vai a materializar durante 27 anos de bonificacións para acabar co "agasallo envelenado" que supuxo a ampliación da concesión da AP-9 que asinou Aznar ata 2048.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.