Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2021 | Actualizada ás 13:26
“O teu futuro máis claro cá auga”. Este é o lema da nova campaña informativa sobre a Formación Profesional Dual da Auga que vén de promover a empresa concesionaria da auga Viaqua xunto coa Xunta de Galicia e o CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. A campaña, que comezou en Santiago e que está pasando por outras cidades galegas como Ourense, Pontevedra e proximamente Betanzos, pretende "achegar o FP de Redes e Estacións de Tratamento de Agua a xente que busque unha saída laboral no sector da auga", segundo indican nun comunicado.
A Formación Profesional Dual é unha modalidade de FP na que o estudantado combina a formación no centro educativo coa actividade na empresa, aprendendo contidos e temáticas en conexión directa coa realidade da profesión. Esta modalidade de formación dual ten como obxectivo "crear emprego de calidade", indica a Empresa. “As persoas que realicen a FP Dual da Auga contarán cunha formación especializada, o que implica o dominio de ferramentas
adaptadas á realidade laboral actual e facilita a eficiencia e mellora continua dos servizos que presta”, declara Alicia Royo, directora de RRHH de Viaqua.
Así pois, esta FP Dual busca formar a futuros técnicos e técnicas especialistas no ciclo integral da auga. Dende a empresa defenden este modelo educativo como "clave para combater o desemprego xuvenil e favorecer a recuperación económica", xa que conta cunha cociente de inserción laboral superior ao 70% entre a mocidade de menos de 25 anos. “O éxito deste modelo educativo, baseado na colaboración entre administracións públicas, centros educativos e as empresas, permite axuntar emprego, talento e produtividade”, destaca Royo.
A terceira edición do FP Dual da Auga comezará en setembro 2021 e desenvolverase en dous
cursos 2021-22 e 2022-23. O 64% da formación realizarase no centro educativo e o 36% serán prácticas remuneradas nas instalacións de Viaqua. O prazo de inscrición abrirase o 25 de xuño e manterase aberto o prazo ata o día 2 de xullo. Terá unha oferta de 15 prazas. As persoas interesadas deberán realizar a matrícula no propio centro CIFP Politécnico de Santiago ou en calquera centro que oferte a modalidade de FP Dual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.