Peixe espada... así se pesca o “gladiador” do mar

O peixe espada é unha especie peláxica moi apreciada para o consumo humano. Este animal pode encontrarse en calquera océano do mundo, o que non quita a sobreexplotación en determinados lugares como o Mediterráneo. En Galicia máis de cen barcos palangreiros teñen licenza para a captura do espada baixo unhas cotas de capturas individualizadas para cada embarcación.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 03/07/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A especie Xiphias Gladius, peixe espada e tamén emperador (aínda que esta é realmente outra especie) é un dos produtos mariños con maior atractivo no mercado. Parte do seu éxito está en non ter espiñas, ser doado de preparar e ter un sabor parecido ao da carne de animal terrestre. Esta especie mariña é un dos grandes depredadores da cadea trófica no mar. Non obstante, o coñecemento sobre o espada non está moi estendido mesmo dentro dos países que máis o consumen e por outra parte, aínda que hai alertas de sobreexplotación en lugares como o Mediterráneo e o Atlántico Norte, “todas as capturas fanse logo de estudos da situación desta especie realizadas por organismos científicos e da UEafirman armadores galegos.

Peixe espada
Peixe espada | Fonte: arquivo

SEN ESPIÑAS

As esixencias do mercado crean demandas como o consumo de peixe “sen espiñas”. Dentro deste segmento o peixe espada é un produto mariño moi atractivo. “Temos que é un peixe saudable, con vantaxes como a fácil preparación e sen espiñas” din desde a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP Lugo).

Desde a Consellería de Mar destacan que “en canto á súa comercialización, véndese maioritariamente conxelado para consumo”, aínda que OPP Lugo sinala que tamén hai embarcacións que venden fresco, aínda que son os menos. Normalmente as capturas en fresco acaban na lonxa vendéndose en poxas. “O peixe que vén conxelado en barcos que navegan entre 30 ou 90 días, véndese  mediante un acordo entre barco e comercializador” sinala OPP Lugo.

A arte de pesca usada para a captura do espada é “o palangre, neste caso do palangre de superficie, é unha das artes máis sustentables que hai". Captúranse os exemplares peza a peza e cada vez é máis selectivo, polo que non debería cambiarse por outra arte”, sinalan da Organización de Palangreiros de A Guarda (ORPAGU). O feito de sinalar que esta arte de pesca é cada vez máis selectiva débese aos cambios introducidos nos anzós, pois os que se viñan usando ata hai pouco recollían accidentalmente especies como tartarugas ou marraxos. De aí que grupos ecoloxistas favorables ao palangre pidan cambios nos deseños dos anzós.

pesca do peixe espada
pesca do peixe espada | Fonte: Wikipedia

EN PERIGO?

A cuestión sobre como se explota unha especie peláxica inclúe se as capturas permiten unha recuperación acaída dos bancos pesqueiros. Neste sentido, Greenpeace colocou ao peixe espada en perigo en augas do Mediterráneo. Ademais, outros organismos como www.iucnredlist.org, declaran o espada en situación de perigo no Atlántico Norte.

“Os datos científicos dos que dispoñen as Organizacións Rexionais de Pesca reflicten que o estado do recurso é bo” apunta a Consellería de Mar. OPP Lugo apunta tamén que “cada dous ou tres anos faise un estudo sobre a potencialidade da especie e de momento non temos alarmas sobre o espada”.

O mesmo que outras pescas, as frotas pesqueiras dedicadas ao espada teñen tamén unhas cotas que cumprir. Ditas cotas son individuais, son por barco, que poden negociar entre eles o travase de excedente dun barco a outro que non chegou á cota. Por tanto, os 120 palangreiros-espadeiros censados en Galicia teñen un tope de capturas recollido no BOE. Estas cotas reflicten os datos aportados polas Organizacións Rexionais de Pesca (ORP).

No caso do Atlántico,  a Comisión Internacional para la Conservación del Atún Atlántico (Iccat) establece os Totais Admisibles de Captura para esta especie (TAC), a repartir entre todos os estados asinantes da convención. A Unión Europea leva unha parte importante deste TAC, e aquí “España participa coa maior parte do TAC total asignado á UE e dentro da frota española, a galega é a que leva a maior parte das cotas. Nos outros océanos non hai TAC” sinalan desde Mar.

Orpagu pola súa parte, cre que o censo de espada está moi ben xestionado “porque se trata dun censo pechado no que non poden entrar máis unidades pesqueiras, agás que se sustitúa a una unidade saínte”. A mesma organización entende que “a cota global é razoable para a cantidade de barcos que hai normalmente traballando, e o papel las organizacións pesqueiras como a nosa é o de optimizar as posibilidades de pesca existentes xestionando as cotas de forma conxunta e razoable”.

Sobre os prezos en mercado, a variación desde que apareceu a COVID puxo en risco o traballo de todo 2020, dándose casos en risco de perder o 50% da produción. Os factores que influíron nisto foron a falta de mobilidade do produto debido aos peches tanto perimetrais como nacionais e o peche da hostalaría, un dos principais consumidores do produto. Por outra parte, antes da COVID os prezos oscilaban hai dous anos entre os 9 e os 16 € quilogramo.

O espada está entre as especies máis valoradas, sobre todo para a exportación, sendo Italia un dos grandes consumidores. A día de hoxe, e coa paulatina recuperación da actividade despois da pandemia, é posible que o sector poida ir recuperando pouco a pouco a rendibilidade que perdeu durante os peches.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta