Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/07/2021 | Actualizada ás 19:06
Un total de sete entidades relacionadas coas festas populares galegas vén de asinar un manifesto no que lamentan que, durante todo este tempo no que o sector viu restrinxido "na súa totalidade" a actividade, non recibiran "ningún tipo de axuda específica" por parte das distintas administracións. "Nin o Goberno central, nin as Deputacións e moito menos os concellos", din.
Segundo aseguran, a Xunta foi a única institución que desenvolveu unha axuda "específica" para as empresas das orquestras que é, con todo, "insuficiente para paliar o terrible desastre que estamos a sufrir".
As entidades asinantes, coa vista posta nas "verbenas piloto" e ante o "gran esforzo loxístico e económico para o cal as Comisións de Festas non están preparadas", reclaman a colaboración dos concellos: "o labor dos concellos é imprescindible para poder reactivarnos, pero ata o momento, déixannos de lado e prefiren apostar por formatos distintos aos das orquestras. Témolo difícil se as propias administracións non axudan nisto".
Asimesmo, e entre outras, reiteran a necesidade de: recibir axudas directas para as empresas do sector das Orquestras e Festas Populares, o aprazamento ao 31 de outubro de 2022 da xustificación da subvención concedida ás orquestras no ano 2020, un protocolo para as verbenas e festas populares similar ao do lecer nocturno ou as terrazas e centros comerciais, a implicación "total" dos Concellos e Deputacións na axuda ás Asociacións Culturais e Comisións de Festas nos labores de organización, e que a organización do Xacobeo "teña en conta ás orquestras nas súas programacións".
"Deben, e é o seu deber como garantistas do patrimonio galego, velar porque estas non desaparezan do lecer da nosa comunidade", conclúen. O manifesto asinárono a Asociación Galega de Orquestras, a Asociación de Empresarios da Verbena Galega, a Asociación de Músicos Profesionais de Galicia, a Asociación de Servizos da Festa Galega, a Oficina de espectáculos, o Gaiás Eventos e a Cooperativa de Orquestras Galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.