Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2021 | Actualizada ás 12:36
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, participará este venres nunha reunión con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e das distintas forzas e corpos de seguridade para, co foco no fin de semana, "volver coordinarse" e reforzar a loita contra prácticas como o botellón.
"Vaia por diante que, desde a Delegación, estamos preocupados pola situación. Vemos o repunte e que hai máis casos en grupos de idade que non están no proceso de vacinación", reflexionou Miñones, en declaracións aos medios en Betanzos, tras ser preguntado pola súa valoración do anuncio da Xunta de que pechará pola noite zonas públicas asociadas ao botellón.
Respecto diso, ademais de enviar unha mensaxe de responsabilidade e de "non tirar por terra" o traballo feito ata o momento, confirmou que este venres está prevista unha reunión coa Fegamp e representantes de Policía Local, Nacional e Garda Civil para "volver coordinar e estrutural" o labor das forzas de seguridade co fin de combater o botellón.
Sobre as restricións, apuntou que "quen as marca é a Xunta". Engadiu que serán estudadas e que o obxectivo é ver os concellos onde hai máis casos para poder reforzar a actuación neses puntos.
MEDIDAS
Na pasada xornada, a Xunta anunciou que a directriz sería precintar parques, prazas e praias onde se celebren botellóns de forma habitual desde a medianoite ata as 6,00 horas. Segundo argumentou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a Administración autonómica considera que "o problema" que está a derivar nun ascenso dos contaxios na poboación máis nova reside neste tipo de aglomeracións e non no lecer nocturno "seguro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.