Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2021 | Actualizada ás 14:20
Críticas dos gandeiros galegos ao ministro de Consumo Alberto Garzón polas súas declaracións incitando a reducir o consumo de carne. O ministerio de Consumo lanzou nas últimas xornadas a campaña #MenosCarneMásVida, coa que o Goberno central pretende concienciar contra un consumo “excesivo” deste alimento por motivos de saúde pero tamén ambientais.
A campaña, na que Garzón mesmo chamou a facer menos barbacoas coas amigos, non foi recibida polos gandeiros españoles e galegos. Da parte da comunidade autónoma, Unións Agrarias vén de valorar as declaracións do ministro de Consumo como “frívolas e indocumentadas”, e acúsano de “desacreditar” o papel da gandería atendendo a “axendas de grupos de presión”.
Un dos argumentos empregados por Garzón para pedir reducir o consumo de carne tivo que ver co que impacto que, segundo destaca, garda esta sobre o medio ambiente. En particular, Garzón cifrou nun 14’5% o total das emisións de CO2 que proceden de “macrogranxas”; un apuntamento que UU.AA. ve “falaz2 e contrasta cos datos do propio MITECO, que segundo apuntan cifrarían estas emisións nun 7% “no peor dos escenarios”.
A réplica decorreu por camiños paralelos no tocante ás acusacións de deforestación que de cando en vez penden sobre o mercado da carne. “Dicir que o vacún de carne galego compromete a viabilidade do manto vexetal resultaría cómico se esas declaracións non comprometeran a viabilidade de explotacións que son o único activo económico en moitas comarcas rurais”, destacan os gandeiros.
MULTINACIONAIS DE ULTRAPROCESADOS
UU.AA tamén aproveitou para cargar contra as “’dietas milagres’ das que o Ministerio de Consumo fai campaña, sen apoiarse en ningún informe de saúde minimamente sustentable”. E acúsano de “facer o xogo con mentiras aos intereses de multinacionais dos alimentos ultraprocesados nun momento en que o sector produtor está a pasar moitas dificultades como consecuencia da retracción da demanda pola crise da Covid19”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.