Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2021 | Actualizada ás 21:00
Ecoloxistas en Acción vén de presentar no xulgado unha denuncia contra as administracións local e autonómica polas emanacións tóxicas da empresa 'Tratamiento Ecológicos del Noroeste' no Concello de Touro, "pese ás múltiples queixas da veciñanza da zona". Esta empresa desenvolve desde o ano 2004 unha actividade de tratamento de residuos no lugar da mina de Touro. Tamén no 2015, a empresa TEN realizou obras "sen que conste ningunha licenza municipal rexistrada no concello nesas datas e a nome desta empresa", alerta a organización ecoloxista.
Para o 2020, o Concello de Touro emitiu un informe onde se manifestan "as irregularidades e o incumprimento" da Autorización Ambiental Integrada desta empresa. Así, póñense en dúbida as garantías que a empresa ofrece sobre as autorizacións, control e tratamento dos residuos que procesan, cuxa influencia se manifesta "na vida diaria e na calidade de vida da veciñanza" de Touro.
Ecoloxistas en Acción pon o foco nas "múltiples denuncias sen resolver" ao longo destes anos, que teñen que ver tamén coa falta de control de silos de almacenamento ou a falta de idoneidade dos camións de transporte dos residuos por estradas públicas, que "impregnan de olores por onde pasan". O caso chegou ao Parlamento de Galicia en maio do 2021, onde o representante da Consellería de Medio Rural "sustentou e xustificou a actuación da empresa baseada única é exclusivamente en informes que a empresa emite", critican os ecoloxistas. "O Concello de Touro e a Xunta de Galicia recoñecen o problema e realizan instrucións, pero dan por válidos os informes que a posteriori presenta a empresa sen atender á realidade e ao incumprimento da AAI", sentenzan.
A organización ecoloxista galega sinala que a veciñanza dos concellos de Touro e do Pino levan "máis de 20 anos" denunciando as continuas "irregularidades" destas empresas, polos "fortísimos olores derivados do almacenamento e depósito de lodos, e polo desbordamento das balsas da antigua mina, por verteduras aos ríos". Fronte a esta situación, a administración local e autonómica "deixan en mans da empresa os informes preceptivos antes que adoptar as medidas sancionadoras e de vixilancia sobre o terreo".
Segundo a veciñanza, “é habitual, e case diario, cheirar a amoníaco e metano na zona”. A alta exposición a altos niveis de amoníaco (NH2) pode ser irritante para a pel, os ollos, a garganta e os pulmóns e pode producir tose e queimaduras. A exposición a niveis moi altos de amoníaco pode producir dano do pulmón e incluso a morte; e algunhas persoas asmáticas poden ser máis sensibles aos seus efectos, indica a organización ecoloxista. Por iso, a veciñanza afectada de Touro foron solicitantes á administración autonómica da colocación dunha estación que medira a calidade do aire da zona, "sen unha resposta positiva" da administración galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.