A Xunta asegura que "non está encima da mesa" recuperar o toque de queda en Galicia

Rueda defende atopar medidas que permitan protexer a saúde e manter os bares abertos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "non está encima da mesa" implantar un toque de queda en Galicia para frear o aumento de contaxios e avogou por implantar medidas que permitan compatibilizar a seguridade sanitaria co funcionamento da hostalaría.

Rueda pronunciouse deste xeito ao ser preguntado na rolda de prensa posterior á reunión do Consello polas reunións que el mesmo manterá este xoves co sector do lecer nocturno e da hostalaría, así como pola posibilidade de implantar o toque de queda a partir da 1 da mañá como piden algúns profesionais.

Nestes encontros, segundo apuntou, a Xunta trasladaralles aos hostaleiros o balance da situación sanitaria e explicaralle as medidas adoptadas. "Ata agora creo que foron sempre ben explicadas e creo que entendidas", indicou. "Poden gustar máis ou menos pero os profesionais do lecer nocturno e da hostalaría en xeral foron os primeiros en entender sempre que cando a situación sanitaria obriga a tomar medidas, a seguridade sanitaria galega está por encima de todo".

Varias terrazas con clientes durante a primeira noite da reapertura do lecer nocturno con condicións en Galicia, a 1 de xullo de 2021, en Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Varias terrazas con clientes durante a primeira noite da reapertura do lecer nocturno con condicións en Galicia, a 1 de xullo de 2021, en Vigo.. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press

En referencia á reunión co lecer nocturno, lembrou que se trata dun encontro que fora programado co sector para analizar o balance dos primeiros 15 días de funcionamento desta actividade despois de "tantos meses sen traballar". "As circunstancias de hai 15 días eran diferentes ás de hoxe, polo que as formulacións terán que ser diferentes", indicou.

Deste xeito, tanto nesta reunión como no posterior encontro coa hostalaría, avaliarán as novas medidas que se poidan expor. "Escoitaremos as súas suxestións", manifestou Rueda que, en referencia á petición dos hostaleiros de Lugo de implantar o toque de queda, sinalou que esta medida "non está encima da mesa".

"Escoitaremos as súas razóns e explicarémoslles por que cremos que, a día de hoxe, pódese compatibilizar a súa actividade sen ter que tomar medidas tan drásticas", indicou nunha intervención na que dixo que se habilitarán "restricións" nalgunhas zonas nas que estas sexan necesarias.

PREOCUPACIÓN POLAS PROBAS PCR NEGATIVAS

Preguntado pola obrigatoriedade de presentar unha PCR negativa para gozar do lecer nocturno, Rueda explicou que, por unha banda, sectores da hostalaría piden que se implante esta proba ou o certificado de vacinación para acudir aos locais para así "garantir que poderán seguir traballando". Ademais, recoñeceu que, por outra banda, hai unha "preocupación lóxica" polo impacto que esta medida poida ter.

"O lecer nocturno en datas anteriores suxeriu que se fose necesario podería ser unha solución moito mellor, en todo caso, que pola que optan outras comunidades autónomas como é directamente pechar outra vez", indicou para sinalar que isto é precisamente o que os profesionais piden "evitar custe o que custe".

Rueda asegurou "entender perfectamente a preocupación". "Se eu fose un empresario da hostalaría estaría a pensar o mesmo", dixo para sinalar que eles mesmos trasladaron que "prefiren esta medida a volver pechar". "Mentres podamos, a Xunta vai facer o posible por compatibilizar a vida económica, o lecer, e as garantías sanitarias", indicou.

Ademais, no Consello, Rueda fixo un chamamento a todos os profesionais a "seguir mantendo a prudencia" e "cumprindo as normas sanitarias". "Canta menos xente se contaxie, moito mellor", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta