Por Xosé Glez. | Vigo | 20/07/2021
En todos eles apelarase á galeguidade con cadanseu matiz. Mais o que nos debe preocupar é que todos os discursos que se pronunciarán teñen algo en común: a retórica da abstración, máis ou menos cargada de bombo.Galicia non pode ser unha abstración. É unha Terra que se ve, que se ole,que se apalpa… dixo Vicente Risco.
O Foro E. Peinador hai ben anos que ben dirixíndose aos cúmios das organizacións convocantes para que concreten a idea de Galicia que lles queren transmitir ás súas hostes. Nese intento non tivo nunca éxito. O pedimento que se lles fixo caeu en saco roto. Débelles parecer unha nimieza ou impertinencia dirixírse aos seus seguidores instándoos a escolleren preferentemente produtos galegos no seu consumo cotiá. O razoamento de tal solicitude está debidamente xustificado: as industrias agroalimentaria precisan de consumidores que as fagan viables e non sucumban ante a voraz competencia de produtos foráneos que atopan nas grandes superficies e supermercados todas as facilidades para a comercializan dos seus produtos que se lles negan aos nosos.
Hanse referir os que pronuncian os discursos conmemorativas, como é costume neles, a nosa condición de nacionalidade que sofre as políticas marxinadoras do Estado. Non seremos nós os que neguemos que así é. Pero reprochámoslles aos concelebrantes a perversa disociación das características que definen a nacionalidade. Castelao, a quen se citará en todos os actos, enumerou as características de Galicia: idioma, territorio e vida económica propia, amais dos hábitos sicolóxicos refletidos nunha comunidade de cultura. Características indisociables. Mais o certo é que cadaquén, esgazando a unidade que conforman todas, adoitan facer fincapé nun ou noutro aspecto segundo lles conveña ao seu credo político. O máis que poden facer é utilizar os catro conceptos para arrebolarllelos aos contricantes criticándolles as súas políticas.
Ninguén apela á galeguización da economía, por exemplo. O Foro E.Peinador na misiva que lles enviou ás organizacións políticas e sindicais dílles que “a economía debe ser galeguizada, nomeadamente no ámbito agroalimentario. As explotación agrícolas e industrias de transformación do sector precisan do apoio dos consumidores para sobreviren e producir fixación de poboación no rural. Por idénticas circunstancias de dificultades pasa o noso idioma, que non acaba de ter a presenza que debera ter nos ámbitos sociais e económicos. Os nosos produtos e lingua galega porecisan do apoio dos consumidores para afortalaren es alianza estratéxica que define a Galicia como nacionalidade”.
As organización receptoras do chamamento deberían practicar unha política pedagóxica de rente o chan, chamándolle ao pan pan e o viño viño; é dicir, “consideramos oportuno que desde as tribunas dos oradores se lles demande ao asistentes, de maneira expresa, clara e contundente, que nas compras cotiás elixan produtos etiquetados en galego. Porque deste xeito os consumidores terán a oportunidade de manifestaren un galeguismo verdadeiramente transformador”. De non mudaren o discurso, o demais é falar por falar. Hai que superar a diglosia no consumo.
E un derradeiro prego, agora dirixido aos militantes máis conscientes desas formacións sindicais e políticas: demándenlles aos seus dirixentes que nas convocatorias do próximo día 25 se pronuncien sobre este asunto tan decisivo para nós coma pobo. A unidade fai a forza. Ramón Cabanillas, o noso poeta máis reivindicativo expresouno poeticamente nestes versos: “ Galicia, Nai e Señora, sempre garimosa e forte: preto e lonxe; onte, agora, mañá...na vida e na morte!