Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 12:52
Persoas de entre 16 e 40 anos da comarca do Carballiño estaban citadas na tarde do martes 20 a un cribado para detectar asintomáticos. Entre as 16.00h e as 21.00, horario no que se realizou o cribado, acudiron ao pavillón Paco Chao do Carballiño 1.388 persoas, o que supón un 46% das 3.000 convocadas.
O resultado das probras de antíxenos tivo o resultado de 15 positivos. O cribado, de carácter voluntario previa inscrición a través da páxina de citación do Sergas, estaba destinado á xente nova dos concellos da comarca: O Carballiño, Punxín, Boborás, Piñor, San Cristovo de Cea, O Irixo, Beariz e San Amaro.
A coordinadora do cribado, Miriam Vázquez, calificou de "esperada" a participación, que non chegou á metade de persoas convocadas, tendo en conta outros cribados semellantes neste grupo de idade. Porén, considera que aínda que moitas persoas non acudiron ao cribado, hai que ter en conta outras circunstancias: "Moita xente nova non vén porque realmente non pode vir, por exemplo se están traballando fóra". Ademais, califica de positiva a interese que demostra este grupo de idade ao autoinscribirse.
Sandra Pérez, de 22 anos, foi unha das participantes no cribado, e defende que "aínda que hai mocidade galega que o pode estar facendo mal, tamén hai moita que actúa con responsabilidade". Coma ela, María González tamén acudiu ata o pavillón Paco Chao, porque "nunca se sabe se podes ser asintomático e é importante para evitar novos contaxios". Ambas destacan a boa organización e rapidez da proba, que concentrou unha maior afluencia nas primeiras horas da tarde.
Naos últimos datos actualizados polo Sergas, a comarca suma 155 contaxiados, 100 deles no Concello do Carballiño. Boborás conta con 16 casos activos, 11 en Beariz e Maside e o Irixo mantéñense con 10 e 7 casos respectivamente. San Cristovo de Cea e Piñor rexistran 4 casos cada un, San Amaro 2 e Punxín, que se mantiña sen positivos, suma 1.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.