O noso Día Nacional

Acredito que todas as persoas somos cidadás do mundo. Mais, como xa escrebín hai anos nestas páxinas, o patriotismo non bate co universalismo, Para sermos persoas precisamos raíces e para pensarmos globalmente precisamos actuar localmente. Somos europeos e cidadáns e cidadás do mundo por sermos galegos.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 25/07/2021

Comparte esta noticia

Dixen cidadanía. A Patria, ou Matria é un proxecto cívico, unha vontade colectiva e dinámica non pechada nas esencias. Mais  definirmos dende  a vontade de sermos Nación no canto de facelo  dacordo cunhas supostas esencias definidas hai cen anos non quita para que avaliemos en todo o seu significado o que fixeron polo País os nosos devanceiros, ao lle dotar a unha Terra derrotada e sometida en tantas ocasións (incorporación do Reino de Galicia ao de Castela no 1230, derrotas do partido galego a prol da independencia e da unidade con Portugal nos 1369 e 1374, doma e castración do Reino de Galicia pola raíña Isabel a Católica entre 1479 e 1486, división do Reino  en catro provincias  en 1833, sanguiñenta represión da revolución nacional de 1846…) de nidios sinais de identidade. Velaí o Himno Nacional Galego de Veiga e Pondal (1907), o primeiro recoñecemento oficial da bandeira galega (A Coruña, 25 xullo 1921) ou a consideración polas Irmandades da Fala do 25 de xullo como Día de Galicia, como Día da Patria (1920).

Hermanager - Viñeta de humor - 25 de xullo Hermanager humor - Día Nacional de Galicia
Hermanager - Viñeta de humor - 25 de xullo Hermanager humor - Día Nacional de Galicia

Como ven de escrebir  M. Veiga Taboada cómpre distinguirmos moi nidiamente o Santiago adoptado como Día da Patria do Santiago obxecto de homenaxe polo Estado español na Ofrenda do 25 de xullo. O primeiro é ese Santiago Peregrino protagonista da construción do Reino de Galicia como Estado europeo entre os séculos IX e XIII, a fin dos camiños xacobeos no cabo da Europa. Un referente dunha Galicia de seu no contexto dunha universitas christiana europea, fronte á realidade dunha España nomeadamente musulmá até o século XIII. Mentres que o Santiago da Ofrenda é o Matamouros que a Coroa de Castela quixo promover, con pouco suceso, como referente das Españas fronte a xudeus, mouriscos, mozárabes e conversos. E moi axiña contra cataláns e portugueses.

O Santiago do Pórtico da Gloria é o Santiago  que conecta coa realidade de Galicia como nación europea, que conecta mesmo coa actual realidade leiga e pluricultural  da Europa, mentres o Santiago Matamouros da Ofrenda semella cada vez máis fóra de tempo.

Velaí que o Goberno do Estado habería ter a sensibilidade de  non nos impor no ceo compostelán bandeiras moi queridas-si- para unha parte dos galegos, mais que non integran, como si integra a nosa, ao conxunto da cidadanía.  Ademáis, hai días abondo para reivindicalas fóra do noso Día da Patria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.