Por Europa Press / Redacción | VIGO | 27/07/2021 | Actualizada ás 14:14
José Enrique Abuín Gey, coñecido como 'El Chicle' e condenado a prisión permanente revisable polo crime de Diana Quer, prestou declaración por videoconferencia desde o cárcere por unha suposta agresión sexual á súa cuñada cando ela tiña 17 anos.
A indagatoria de Abuín fora prevista para este luns, pero finalmente tivo lugar na mañá deste martes tras aprazarse debido ao señalamento doutro procedemento no que debía participar o fiscal.
Deste xeito, o procesado prestou declaración por videoconferencia ante o Xulgado de Instrución número 2 de Noia, un acto que "se desenvolveu con total normalidade", segundo trasladaron a Europa Press fontes xudiciais.
En concreto, o xulgado decretou o procesamento de 'El Chicle' ao concluír das dilixencias de instrución practicadas desprendíanse "indicios bastantes" de que o investigado realizou "actos atentatorios contra a liberdade sexual" da denunciante.
A xuíza relatou que Abuín supostamente convenceu á súa cuñada para levala ao instituto, pero desviouse do traxecto ata deter o turismo nun parque do termo municipal de Lousame, onde a intimidou cun coitelo ou navalla e obrigouna a manter relacións sexuais. Despois, díxolle que a violou por contarlle á súa irmá que uns meses antes, en xullo de 2004, tocáralle o peito por encima da roupa.
A instrutora destacou que o relato da vítima durante todos estes anos "foi coherente e consistente" e que se corroborou "polo resultado doutras dilixencias de investigación". Ademais, concluíu que o feito de que 'El Chicle' fose condenado polo asasinato de Diana Quer, cometido en agosto de 2016, e por tentar agredir sexualmente a unha moza en Boiro en decembro de 2017, "reforza os indicios de veracidade" da denuncia da súa cuñada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.