Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2021 | Actualizada ás 15:26
A novena edición do circuíto de espectáculos escénicos e musicais 'Cultura no camiño' acollerá a máis de 240 formacións artísticas e bate unha marca ao chegar a ter 163 concellos adheridos.
Ademais, conta cun orzamento dun millón de euros --e o aumento dun 33% dos fondos-- distribuído entre os concellos participantes para financiar a contratación dos artistas. Celebraranse máis de 650 actuacións ao aire libre ata o próximo 30 de setembro, que xa comezaron o pasado 15 de xullo coa actuación de 'Ghazafelhos' na Guarda.
O programa foi presentado este mércores na Cidade da Cultura polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e o director de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis --patrocinadora do programa--, Antonio Cortés.
En representación da escena musical, acudiu o músico galego Xoán Curiel, mentres que a meiga Fani personouse para agradecer a posibilidade "de dar a coñecer a maxia". O acto terminou coa actuación da compañía de espectáculo de danza-circo SU.MA.
"ESCAPARATE PRIVILEXIADO" DA CULTURA
O conselleiro referiuse a esta iniciativa como un "escaparate privilexiado", capaz de trasladar "o bo e moito" que se pode facer en Galicia en canto a actividade cultural.
Así mesmo, incidiu no incentivo económico para a industria cultural que supoñen as 3.000 actividades enmarcadas dentro deste Plan de Reactivación Cultural, que fixo que o "compromiso" coa cultura non se abandonase "nin sequera o ano pasado". Nesta liña, Antonio Cortés afirmou que "a cultura non debe parar".
Pola súa banda, o músico Xoán Curiel apontoou que a súa función social é a de "motivar e animar á xente", mentres que a maga Fani destacou a "oportunidade" que supón este circuíto para "aproximar a cultura galega á xente de fóra".
SUBVENCIÓNS E XÉNEROS ARTÍSTICOS
As subvencións recibidas polos concellos sitúanse no 80% no caso de municipios con menos de 20.000 habitantes e no 60% para os de maior número de poboación.
En canto ao tipo de xéneros artísticos que se poderán ver, atópanse o teatro, con máis de 220 funcións; a música, con case 200 concertos; ou a maxia, con 100 actuacións.
Entre este mércores e o domingo 1 de agosto, hai previstas 58 actuacións en 46 localidades, que poden ser consultadas nas webs de Agadic e da Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.