Por E.P. | PONTEVEDRA | 29/07/2021 | Actualizada ás 20:19
O Museo de Pontevedra acollerá no Edificio Castelao, ata o 12 de outubro, a exposición 'Pop-up, libros móbiles e desplegables', formada por un centenar de exemplares que permiten realizar un percorrido pola historia deste formato bibliográfico desde as súas orixes no século XIII ata a actualidade, con mostras de formatos e temáticas diferentes.
Trátase dunha colección pertencente a Ana María Ortega e Álvaro Gutiérrez, propietarios de máis de 2.400 obras con elementos tridimensionais de papiroflexia procedentes de diversos países, entre os que destacan pezas orixinais do século XVII. "A miña relación con estes libros remóntase á miña nenez", explicou Ana María Ortega sobre a colección que, desde 2002 se foron expoñendo en diversas cidades --tamén en Santiago de Compostela-- a nivel estatal.
Ademais das pezas orixinais e singulares, os intereses destes coleccionistas derivaron cara aos "libros de artista" como as creacións de David Carter a través da adquisición "do máis especial e cun nivel de calidade por encima de todo o demais", precisou Álvaro Gutiérrez.
CONTIDOS
A mostra, ordenada cronoloxicamente, permite apreciar volumes do pioneiro Ramón Llull que, no século XIII utilizou discos xiratorios no interior dos libros, xunto con varias mostras de "harlequinades" do século XVIII que deben o seu nome ao protagonista da pantomima italiana que as protagonizaba, ata as sofisticadas arquitecturas que publica na actualidade o norteamericano Robert Sabuda.
Entre medias, a exposición dedica un amplo espazo á "idade dourada" dos libros desplegables a finais do século XIX a través das contribucións de artistas e editores como Ernest Nister, Raphael Tuck e Lothar Meggerdorfer.
O percorrido --no que tamén se atopan vídeos explicativos-- repasa a produción destas obras entre as dúas Guerras Mundiais, pasando por creacións dos anos 30 do século pasado cando se acuñou a expresión "pop-up", ata o rexurdimento desta modalidade bibliográfica liderada polo checoslovaco Vojtech Kubasta.
Álvaro Gutiérrez tamén destacou a primeira peza da que se ten constancia asinada por unha muller, Geraldine Clyne, que, entre 1939 e 1954 ilustrou a serie de libros "Jump-Ups".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.