Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/08/2021 | Actualizada ás 13:16
O Xulgado de Primeira Instancia número 4 da Coruña rexeitou a solicitude de rebaixa do alugueiro dunha empresa arrendataria de dous locais de hostalería dun centro comercial de Culleredo debido ás limitacións da actividade impostas como consecuencia da crise da COVID-19. O maxistrado considera que non se acreditou unha "relación de causalidade" entre a crise sanitaria e as dificultades económicas para pagar a renda "que alega, e non proba," a empresa demandante.
Desta forma, o titular do Xulgado de Primeira Instancia número 4 da Coruña indica na sentenza que a mercantil debía rendas desde antes da declaración do primeiro estado de alarma. En concreto, segundo sinala o xuíz, debía as de todo o ano 2020 e a renda variable de 2019, así como todas as rendas devindicadas con posterioridade á presentación da demanda, en decembro de 2020. Por iso, o xuíz insiste en que é "máis que dubidosa" a relación causal da crise sanitaria coa falta de pagamento de rendas.
Ademais, sinala que, neste caso, existe unha "repartición contractual de riscos", pois a compañía arrendadora "contribuíu con 100.000 euros ás obras de adaptación do local ou locais arrendados e no contrato estableceuse un sistema combinado de renda: unha parte variable (en función das vendas) e un mínimo garantido".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.