Feijóo pide a vacinación obrigada para sanitarios e coidadores de maiores: "Debe prevalecer a saúde pública"

O Executivo galego tivo que aclarar o carácter voluntario da vacinación cunha disposición adicional na súa lei de saúde para evitar a súa paralización.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/08/2021 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defende que, aínda que "non é posible" neste momento coa lei española e nun contexto marcado pola pandemia da covid-19, a vacinación debería ser "obrigatoria" en determinados supostos e apunta aos traballadores sanitarios e a quen se ocupan do coidado de maiores ou doutras persoas vulnerables.

"Cal é a miña opinión? En determinados supostos nos que o traballo dunha persoa ten relación directa con persoas vulnerables, con enfermos, creo que debería prevalecer a saúde pública xeral ante o feito individual da decisión ou non de vacinarse", defendeu, nunha entrevista concedida a Europa Press, que será emitida de forma completa o próximo fin de semana.

"Da mesma forma que é obrigatorio porse un cinto de seguridade nun coche ou ter permiso de circulación especial para un vehículo de gran tonelaxe, creo que para exercer a sanidade ou o coidado de maiores é necesario unha vacinación obrigatoria", continuou a súa reflexión, poucos días despois de que un acordo co Goberno dese pé a que este retirase o recurso de inconstitucionalidade que presentara contra a reforma da lei galega de saúde.

A principal discrepancia, precisamente, centrábase no apartado de vacinación, aínda que a Xunta sempre defendeu que non fixaba a súa obrigatoriedade. Aínda así, despois de que o Tribunal Constitucional (TC) levantase a suspensión do resto de preceptos recorridos, na negociación bilateral foi posible un acordo polo que o Executivo galego accedeu a aclarar o carácter voluntario da vacinación cunha disposición adicional que puxo fin á batalla xudicial.

Nesta conxuntura, preguntado acerca de se considera que se debería lexislar a vacinación obrigatoria a nivel estatal, o presidente galego foi tallante: a súa "opinión persoal" é que "si", nos supostos de quen traballan na sanidade e o coidado de colectivos vulnerables.

"Neses casos, a lei debe preservar o interese xeral e sinalar a necesidade, para poder exercer a profesión, da obrigación de vacinarse. No caso de que unha persoa para a que a vacina estea sinalada como obrigatoria para exercer ese traballo insista en non facelo, é evidente que estariamos nun conflito de intereses. E que prevalece ante ese conflito de intereses? A saúde pública", resolveu.

NEGATIVA "CONTUMAZ" A LEXISLAR E CERTIFICADO COVID

Na súa conversación con Europa Press, Feijóo recoñeceu que unha das "grandes preguntas" que hai sobre a mesa neste escenario da covid-19, cuxas "incertezas" futuras lle preocupan, é se debe ser ou non obrigatorio vacinarse, pero máis aló diso afeou que o Goberno central protagonizase unha negativa "contumaz" a lexislar calquera aspecto.

"Nós consultamos coa Asesoría Xurídica e entendemos que a lei xeral de sanidade e, ademais, a lei de pandemias galega, posibilitan que adoptemos esa decisión sen un amparo xudicial previo", sentenciou, antes de resaltar, ademais, que é unha "boa" vía para o sector hostaleiro.

Non en balde, reiteradamente defendeu que pedir unha PCR negativa, o certificado de vacinación ou o de pasar a enfermidade, é a única alternativa para manter os locais abertos nos municipios nos que a incidencia da covid-19 é moi elevada.

INMUNIDADE NOS MÁIS NOVOS

E no ámbito do proceso de inmunización fronte á covid-19, mentres se avanza na franxa de idade de 29 cara abaixo, impúlsanse repescas e, en paralelo, actívanse autocitas para axilizar a vacinación de galegos de entre 16 e 22 anos, colectivo cun índice de contaxios elevado, o Goberno galego xa ten tamén algúns cálculos con respecto a que sucederá cos máis novos a principios de curso.

Así, sobre se os escolares poderán empezar o curso vacinados e se isto afectará a unha relaxación dos protocolos de medidas de seguridade, Feijóo mostrouse cauto e, aínda que remarcou que o nivel de avance cara a idades inferiores dependerá das vacinas que reciba Galicia, anticipou que no outono si haberá estudantes de instituto xa vacinados.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibe a segunda dose da vacina contra a covid. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibe a segunda dose da vacina contra a covid. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta