A Autoridade Portuaria comeza o proceso de expropiacións en Arteixo e A Coruña para a obra do tren a Langosteira

Serán 105 leiras en Arteixo e 41 na Coruña, non afectará a vivendas e terán un custo estimado dun sete millóns de euros.

Por E.P. | A CORUÑA | 09/08/2021 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, anunciou este luns en rolda de prensa que comeza o proceso de expropiacións no ramal norte para a futura obra do tren a Langosteira.

Fernández Prado explicou que serán 105 leiras en Arteixo e 41 na Coruña, que non afectará a vivendas e que terán un custo estimado que roldará o sete millóns de euros. A superficie será de 112.000 metros cadrados e o presidente da entidade portuaria afirmou que "non son demasiadas", xa que o 80% da vía será por túneles.

"Serán relativas ao ramal norte as expropiacións. A empresa de asistencia técnica terá que comprobar a superficie da parcela, identificar os propietarios e darlles a asistencia xurídica no proceso", explicou Fernández Prado. O obxectivo da Autoridade Portuaria é que se fagan públicas entre setembro ou outubro e non están previstas máis expropiacións. "Queremos adiantar o traballo, para ter a licitación avanzada", dixo o presidente do porto.

Así mesmo, o presidente da Autoridade Portuaria cualificou as expropiacións como "un dos tres grandes eixos", xunto á licitación do proxecto e ao convenio de relación entre administracións.

POSIBLE ATRASO

A administración portuaria traballa para ter a licitación do proxecto antes de que acabe o ano, pero o seu presidente puntualizou que "é posible que se atrase". "Traballamos coa máxima intensidade para que sexa o menor tempo posible", abundou.

Tamén confirmou que se "apurarán todos os prazos para adxudicar a obra canto antes e empezar canto antes, calquera proceso farase no menor tempo posible". "O que máis urxe é o convenio, e logo o visto e prace do proxecto. Estamos nun diálogo bo coas administracións. O criterio é adiantar cousas", sinalou Fernández Prado.

FONDOS NEXT GENERATION

O presidente do porto resaltou, ademais, a importancia dos fondos Next Generation que "foron o impulso definitivo a este proxecto". Os fondos serán aprobados en setembro polas administracións.

"Están a saír catro trens diarios no porto interior, hai graneis que temos que mover por tren e non se pode ata que teñamos este tren, isto permitiranos para traballar na transformación de San Diego nos próximos anos", comentou Fernández Prado sobre a necesidade desta obra.

Punta Langosteira. PORTO DA CORUÑA - Arquivo
Punta Langosteira. PORTO DA CORUÑA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta