Marea Atlántica acusa o goberno local da Coruña de "falta de interese" na área metropolitana

A formación subliña a necesidade dunha "autoridade pública de transporte e a integración de liñas de transporte urbanas, interurbanas e intermodais", entre outras demandas.

Por E.P. | A CORUÑA | 09/08/2021 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

A portavoz da Marea Atlántica, María García, denunciou, en rolda de prensa, falta de interlocución do goberno local coruñés cos concellos lindeiros para o impulso da área metropolitana da Coruña. Fíxoo tras a visita que realizou xunto á súa viceportavoz, Iago Martínez, aos concellos de Betanzos, Abegondo, Bergondo, Cambre, Oleiros e Sada nas últimas semanas.

García explicou que estas visitas buscan "recuperar o procedemento de constitución dunha área metropolitana pola que apostamos durante o mandato de Xulio Ferreiro". A portavoz da Marea considerou que este traballo "está a caer no esquecemento" e mostrou a súa preocupación porque "a cidadanía da Coruña é cidadanía metropolitana e ten necesidades metropolitanas".

"Como representantes públicos somos encargados da xestión e de mellorar a calidade de vida da nosa xente, por iso temos que abordar a colaboración metropolitana", subliñou García. Ademais, achacou ao PSOE local a "falta de interese" neste procedemento, e lembrou que A Coruña aprobou o acordo de inicio da área metropolitana "de última" e durante o mandato de Inés Rei, "froito dun acordo de investidura".

IMPULSO DA ÁREA METROPOLITANA

Tras as visitas aos distintos concellos, García destacou que "máis aló das cores políticas", hai interese para "impulsar a área metropolitana". Así a Marea seguirá en conversacións cos concellos e o goberno local, e volverá redactar o anteproxecto de lei da área metropolitana.

Sobre o marco legal deste proceso, María García dixo que "hai resistencias", xa que é necesario que se aprobe unha lei de área metropolitana no parlamento que, segundo García, Feijóo "non ten interese en impulsar". Tamén reclamou ao presidente da Xunta explicacións de "por que se aprobaría a área metropolitana de Vigo e non a da Coruña".

Entre os temas tratados na súa visita, a portavoz da Marea resaltou os que competen a mobilidade, residuos e auga. Subliñou a necesidade dunha "autoridade pública de transporte e a integración de liñas de transporte urbanas, interurbanas e intermodais".

Doutra banda, mostrou a súa preocupación pola "falta de interlocución" do goberno local con outros concellos pola planta de Nostián, e a necesidade de "facer políticas de prevención e residuos cero", que segundo lembrou xa estaban definidas nos acordos de Mariñán do pasado mandato.

Por último, resaltou o proceso de "remunicipalización da auga" de varios concellos para "unha xestión pública dun recurso esencial que debe ser xestionado en base ao interese xeral".

Concelleiros da Marea Atlántica nunha reunión sobre a área metropolitana. JAVIER_VALENZUELA
Concelleiros da Marea Atlántica nunha reunión sobre a área metropolitana. JAVIER_VALENZUELA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta