Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2021 | Actualizada ás 20:32
A Deputación de Ourense rendeu homenaxe institucional a Basilio Álvarez, fundador do movemento agrario Acción Galega, finado en 1943, de quen anunciou o encargo dunha biografía. O presidente do organismo, Manuel Baltar, cualificou a Basilio Álvarez como "inquebrantable, loitador e exemplo de fidelidade con Ourense" nun acto celebrado na parroquia de Beiro con motivo do 144 aniversario do nacemento do que fose político, sacerdote e xornalista.
"Era un ourensán rebelde, polémico e un axitador político fiel aos seus principios, que defendía a liberdade e a dignificación do ser humano", destacou o presidente provincial. Por todo iso manifestou o encargo dunha biografía ao profesor de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Cabo, quen tamén estaba presente no acto. "Non existe e será fundamental para a historia contemporánea de Ourense, Galicia, España e Iberoamérica", subliñou Baltar.
Así lembrou que o traballo da Deputación de Ourense "tamén é lembrar e dignificar a vida e traxectoria de ourensáns ilustres para non exercitar a desmemoria". Neste sentido, instou ao tenente alcalde de Ourense, Armando Ojea, a que se lle dedique unha rúa a Basilio Álvarez lembrando que xa a tiña pero en 1936 foi substituída por Capitán Eloy, hoxe coñecida como Concordia.
Pola súa banda, o profesor de historia da USC, Miguel Cabo, encargado de levar a cabo a biografía de Álvarez, manifestou que "sabemos ou cremos saber moitas cousas sobre el, pero é dubidoso que saibamos algo máis que o personaxe que el mesmo creou. Un personaxe que todos contemplaron cunha mestura de receo e fascinación".
O acto terminou con Baltar pronunciando as palabras que Castelao lle dedicou a Basilio Álvarez tras coñecer o seu falecemento no centro ourensán de Buenos Aires, "morreu o predicador dunha vida de amor e esperanza pero xamais morrerán a súa voz e a súa pluma".
A homenaxe, fronte á igrexa parroquial de Beiro, incluíu unha ofrenda floral no busto de Basilio Álvarez e o descubrimento dunha placa conmemorativa na súa honra na que se resume a súa biografía. Estivo acompañado de varias pezas musicais a cargo dun grupo de gaiteiros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.