Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2021 | Actualizada ás 15:53
A portavoz do Goberno local de Pontevedra, Carme Da Silva, acusou ao Partido Popular de "alentar e propiciar situacións de violencia" como a protesta deste mércores dos traballadores da fábrica de ENCE, que cortaron os accesos á cidade con barricadas nunha mobilización que non estaba anunciada. "Volvemos vivir hoxe en Pontevedra unha xornada de violencia, consecuencia da situación na que está tanto a empresa como o PP alentando este tipo de prácticas", dixo a portavoz municipal.
Dá Silva reiterou que a situación na que está Ence en Lourizán "é consecuencia directa das decisións empresariais de ENCE e das decisións políticas do Partido Popular", tanto na Xunta como no Goberno do Estado, que "fracasaron na súa estratexia" xa que "sabían que tiñan que buscar un alternativa" pero "tentaron confundir aos traballadores e á sociedade de Pontevedra". "É viable, hai sitios en Galicia", resaltou Da Silva, "o que non poden dicir é que Lourizán, que é ilegal, é a única alternativa".
A edil nacionalista subliñou que "no canto de cumprir coas súas obrigacións e buscar unha alternativa o que fan é alentar e propiciar situacións de violencia". Tamén indicou que as decisións sobre o traslado e a viabilidade da fábrica e do sector forestal as teñen que tomar a propia empresa Ence e tamén o Estado e a Xunta.
Ademais a concelleira do BNG afirmou que o Concello de Pontevedra o que fixo é "defender os intereses xerais" e lembrou que "non está xustificado que Ence siga aí", como sinala a sentenza da sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional que estima o recurso municipal contra as resolucións da Administración central polas que se acordou outorgar unha prórroga de 60 anos para a fábrica de pasta de papel.
Carme Da Silva volveu a pedir á dirección de Ence e ao PP "que manden parar esta Ence-borroka" e engadiu que "a mellor forma de demostrar que non se está de acordo coa violencia é adoptar as medidas necesarias para que non se faga e iso está nas mans de Ence e do Partido Popular". "De non facelo serán responsables dos feitos de violencia que se produzan en Pontevedra", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.