Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2021 | Actualizada ás 14:45
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, interpretou que os xuíces do TSXG "din que Galicia ten un goberno de chapuza" a través do fallo no que sentencian que o certificado covid para acceder a negocios de hostalaría carece de vixencia ao non ser autorizada xudicialmente.
En declaracións aos medios tras coñecerse a decisión do Alto Tribunal galego comunicada na mañá deste xoves, Caballero instou ao presidente autonómico a que "deixe as vacacións e dea solucións aos problemas da cidadanía galega".
"Os xuíces din que Galicia ten un goberno de chapuza, que salta os dereitos fundamentais da cidadanía sen pedir autorización xudicial", aseverou o responsable socialista. "Necestiamos un goberno que non cre problemas, senón que os solucione e que non xogue cun sector como o da hostalaría, que o está pasando tan mal", engadiu Caballero.
TSXG TOMBA CERTIFICADO COVID
As declaracións de Caballero producíronse por mor da decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que este xoves decretou que a obrigación de presentar un certificado covid-19 para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno en concellos con máis elevada incidencia do virus carece de vixencia ao non ser autorizada xudicialmente.
Os maxistrados explican en dous autos notificados este xoves que a Xunta só enviou ao TSXG para someter a autorización a orde de 21 de xullo, na que se establecían medidas de prevención fronte ao virus, entre elas limitacións nas reunións, pero non a orde de 22 de xullo, que contiña o requirimento de presentar o certificado covid en establecementos de hostalaría e restauración.
VACINAS
Por outra banda, en declaracións durante un acto celebrado este xoves en Santiago xunto a cargos e edís novos do Partido Socialista en Galicia, Caballero cargou contra a postura da Xunta respecto á repartición de vacinas, expresada da man do conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, nos últimos días.
Caballero censurou o que considera unha actitude de "confrontación mesquiña e estéril" por parte do titular de Sanidade, a quen afeou que caia "nunha estratexia de conflito e confrontación", o que considera "un erro" e unha "deslealdade" cara aos galegos.
Neste sentido, defendeu que Galicia é a terceira comunidade autónoma que maior número de vacinas recibiu desde o inicio do proceso de inmunización da poboación pilotado desde a Administración central que, segundo Caballero, distribúe as doses "de acordo aos criterios marcados" no Consello Interterritorial de Sanidade no que participa a Xunta.
"A vontade de cooperación é algo que se agradece e recoñece. A estratexia de conflito é un erro, unha deslealdade e os galegos non queremos un conselleiro que se dedique a confrontar", incidiu o responsable socialista.
Ademais, Caballero instou a García Comesaña a que "rectifique os recortes" no Servizo Galego de Saúde e, en concreto, na atención primaria, xa que "non é de recibo" que existan comarcas "nas que para conseguir unha cita haxa que esperar 26 días, como ocorre en Carballo".
O BNG ACUSA Á XUNTA DE CREAR MÁIS ESTRAGOS QUE O VIRUS
O BNG acusou á Xunta de causar coas súas "improvisadas" restricións "máis estragos que o propio virus" no sector da hostalaría despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deixase sen efecto a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para acceder a negocios de hostalaría.
En declaracións aos medios tras coñecerse os autos dos maxistrados do Alto Tribunal galego que deixan sen validez o requirimento de presentación do certificado por non ser autorizada xudicialmente, o deputado do BNG Ramón Fernández avanzou que o seu grupo demandará na Deputación Permanente do Parlamento galego a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que ofreza explicacións respecto diso.
O BNG carga contra a "improvisación" do Executivo galego que preside Núñez Feijóo, a quen afea a "falta" de medidas económicas "que acompañen ás restricións" e a ausencia de "diálogo" cos responsables do mundo da hostalaría. Por tanto, o BNG avanzou a convocatoria da Deputación Permanente da Cámara galega (o Lexislativo atópase fóra de período de sesións polo parón estival), na que solicitarán a comparencia do presidente galego.
PREOCUPACIÓN ENTRE A HOSTALARÍA
A hostalaría de Galicia está "preocupada" ante a resolución adoptada este xoves polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de inhabilitar a esixencia do certificado covid para acceder ao interior de establecementos naqueles municipios coa incidencia máis alta.
César Ballesteros, presidente da Federación de Hostalaría de Pontevedra recoñeceu "certa satisfacción" ante a resolución xudicial, posto que "pedir o certificado era engorroso e complicado de cumprir", pero mostrouse preocupado polo futuro. "Estamos á espera de que Sanidade nos diga como proceder", asegurou o presidente dos hostaleiros de Pontevedra.
Pola súa banda, Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, mostrouse máis firme . "O único que nos preocupa é poder seguir abertos, seguir traballando. E agora cabe a posibilidade de que nos pechen", apuntou Real.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.