Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2021 | Actualizada ás 12:31
A Policía Nacional mantén a investigación aberta polo caso de Samuel Luiz, o mozo ao que mataron dunha malleira na madrugada do 3 de xullo no paseo marítimo coruñés, e centra o seu traballo "en todas as probas testificais" e tamén no envorcado de datos obtidos de medios como redes sociais. Así o ratificou este venres o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a preguntas dos xornalistas, coincidindo cun acto en Santiago de Compostela.
Respecto de posibles novas detencións, Miñones insistiu en que a investigación non se pechará ata que se teña "a todos os presuntos autores postos ante a xustiza, que é o obxectivo". Por iso, dixo que "loxicamente" se poden producir "máis detencións". No entanto, apelou a "deixar traballar con calma" á Policía para que poidan "pechar o caso".
En canto ás probas de ADN pendentes e o envorcado de datos extraídos, entre outros, de redes sociais, manifestou que se trata dunha "investigación bastante ardua", pero que, de acordo cos prazos fixados polos investigadores, "ao longo do mes de agosto e primeiras semanas de setembro" esperan poder ter esa información.
PARTICIPANTES NA AGRESIÓN
Como xa trasladaron no seu momento os responsables policiais, e, segundo transcendeu tamén do sumario publicado en varios medios de comunicación, Samuel foi agredido durante seis minutos na madrugada do 3 de xullo. As testemuñas sitúan unhas "dez persoas" as que estaban a agredir a Samuel e confirman que só dous homes senegaleses --un deles resultou tamén agredido-- trataron de axudalo.
A autopsia ratificou tamén que a vítima recibiu múltiples golpes, nunha agresión na que, inicialmente, segundo recolle o sumario e sostén a Policía, participaron dous dos primeiros detidos e aos que logo se sumaron outras persoas. Por estes feitos, están en prisión provisional tres adultos. A dous deles considéraselles os autores dos primeiros golpes que recibiu Samuel. Non só o consideran os investigadores, en base ás probas solicitadas, senón que tamén o sostivo outro dos acusados --en prisión-- que afirmou, na súa declaración no xulgado de garda, que os viu agredir a Samuel.
No seu caso, admitiu levar o móbil da vítima e limitou a súa participación a un intento de separar ao primeiro detido, ao que se considera responsable do inicio da agresión, tras reprochar a vítima por unha videochamada que estaba a facer cunha amiga.
DECLARACIÓNS
Os dous presuntos autores do inicio da agresión só responderon, na súa declaración tras a súa detención, a preguntas do seu avogado, segundo recollen os vídeos difundidos por 'La Voz de Galicia'. O primeiro respondeu á pregunta do seu letrado de se "conxunta e simultaneamente con outras persoas golpeou a Samuel", aoq ue dixo: "Non, con todas as persoas non". "Con outras persoas non", reiterou ao ser cuestionado de novo. O segundo só sostivo que compareceu voluntariamente ante a Policía.
Xunto a eles, declarou tamén a noiva do primeiro, que negou participar na agresión ou alentala e sostivo que non coñecían a vítima nin a súa condición sexual despois de que testemuñas, de acordo co transcendido do sumario, confirmasen que ouviron o insulto de 'maricón'.
ACUSACIÓNS
De momento, nun procedemento xudicial nunha fase inicial, non transcendeu se a posibilidade dunha agresión homófoba se exporá no xuízo en canto á petición de penas. Só se sabe, nunha causa na que os detidos están investigados por homicidio ou asasinato, que Fiscalía e acusacións --a particular e a popular, exercida pola Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual ALAS Coruña-- piden asasinato para os catro adultos.
A estes detidos, --só a moza está en liberdade con cargos e obrigación de comparecer no xulgado--,súmanse outros dous mozos, un deles con antecedentes, que se atopan, pola súa idade, nun centro de menores. Os investigados teñen idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos e o caso, segundo acordou a titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña, será xulgado por un xurado popular.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.