Por Europa Press / Redacción | Lugo | 20/08/2021 | Actualizada ás 15:50
Dous gromos, un con medio cento de casos no concello de Monforte e outro en Barreiros, son o foco de preocupación actualmente na área sanitaria, como así o recoñecen e exprésano as súas respectivas autoridades locais.
Desta maneira, o alcalde de Monforte, José Tomé, recoñeceu a súa "preocupación" e sinalou que, polos datos que manexa, trátase dun gromo iniciado por mor "dalgunha festa" que puido ter celebrado mesmo fóra do termo municipal.
O alcalde monfortino dixo que o Concello "acertou plenamente ao decidir non facer as festas patronais". "Imaxinemos que coincidindo con estes contaxios, nas festas patronais con miles de persoas fose peor. Creo que o Concello acertou plenamente non celebrando as festas patronais", reflexionou.
Ademais, apelou á "responsabilidade de todos, para que non relaxen as medidas de prevención e poidan evitar restricións no comercio e na hostalaría", que sería "negativo para a economía municipal e da comarca".
"Tampouco temos uns datos agora mesmo definitivos, máis aló dun caso máis ou menos, esta é unha situación que a min me preocupa e apelo á responsabilidade dos cidadáns, e neste caso da xente nova, para que sigan mantendo as medidas de prevención", reiterou.
BARREIROS
Pola súa banda, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, non escondeu que está "preocupada" cun gromo que afecta a mozos e menores de idade sobre todo e constatou que hai un foco "vinculado á zona de veraneo, á zona da praia". Trátase de 16 casos, maioritariamente entre mozos, mesmo menores de idade.
"Temos que apelar á tranquilidade e á responsabilidade", invocou, aínda que mostrou a súa "preocupación". A rexedora apuntou que o gromos se localiza na zona da praia de Baltar, en Bareiros, e a Consellería de Sanidade determina os contactos directos e realiza un seguimento.
Dous dos 16 positivos atópanse ingresados no hospital de Burela. "Hai que desexarlles unha pronta recuperación, e de novo hai que apelar á responsabilidade nos comportamentos individuais e colectivos", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.