Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2021 | Actualizada ás 20:18
A Estrada quenta motores para revivir a partir deste venres a rapa das Bestas de Sabucedo, unha edición especial, fóra das tradicionais datas e adaptada á pandemia, que será seguida por case un centenar de profesionais da comunicación chegados de seis países.
Despois do parón en 2020 obrigado pola crise santiaria, Sabucedo recupera a partir deste venres a tradición de Rápaa. Así, aloitadores e bestas volverán reencontrarse nos montes da Estrada e no curro de Sabucedo, que este venres acolleu a presentación do evento.
"O máis fácil este ano sería non organizalo, pero quixeron facela aínda que fose cambiando de data e cun formato diferente pero non menos ilusionante", sinalou o alcalde da Estrada, José López Campos, durante o acto, no que tamén participou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. O responsable autonómico resaltou a "singularidade" desta festa, que supón un "reclamo turístico" para a zona que diversifica a oferta de Galicia, "un destino seguro" para os visitantes.
MENOS AFORAMENTO NOS CURROS
Ademais de mover a súa celebración a finais do verán cando a Rapa das Bestas adoitaba ser unha das primeiras citas da tempada estival, a pandemia tamén obrigou a reducir o aforamento nos curros, nos que se habilitará só un terzo da súa capacidade.
Así mesmo, tamén se prescindiu do tradicional 'curro' do luns e da verbena que animaba a noite do sábado. En todo caso, a cita volveu a espertar a curiosidade do mundo mediático e será seguida por case un centenar de profesionais, entre os que destaca o director de cinema Rodrigo Sorogoyen, que filmará a rapa para incluíla na súa próxima película, titulada, precisamente, 'As bestas'.
DOS MONTES 'CURRO'
Así as cousas, Sabucedo volverá vivir os tradicionais pasos que compoñen o esquema da Rapa das Bestas, que se inicia cos primeiros raios de luz do venres co toque das campás ás 06,30 horas. A esa hora retumbarán as bombas no ceo de Sabucedo para marcar o inicio á 'Misa na Alborada'. Tras a eucaristía, os veciños se reunen no Celeiro, desde onde parten aos montes en busca das bestas.
Á súa chegada aos montes da Pranzadoira, Conla, Cábado, Espiñeira ou Souto; a xente divídese en grupos para localizar ás 'greas' --grupos de cabalos--, ás que cercan lentamente para encamiñalas cara ao Peón, onde volven ser agrupadas como paso previo á 'Baixa', o punto culminante antes de levalas ao 'curro'.
Alí, os 'aloitadores' cortan as crins dos animais, desparasítanos e márcanos para, a continuación, devolvelos ao seu lugar nos 45 quilómetros cadrados de natureza polos que se estende o hábitat no que viven durante todo o ano.
Todo iso nun ritual no que os veteranos inician aos máis novos nas ancestrais tarefas de coidado das bestas, desde a súa recolección nos montes ata o seu coidado e traslado ao recinto onde leva a cabo a icónica 'loita' entre o home e o animal salvaxe.
Este ano, debido ás restricións, a organización prescinduiu do tradicional 'curro' do luns, polo que unicamente haberá o da tarde do sábado (18,00 horas) e o da mañá do domingo (12,00 horas). Para ambas as citas, nas que o aforamento estará reducido a un terzo da capacidade do recinto (as restricións tamén afectarán os medios acreditados) poden adquirirse entradas a través da páxina da festa --www.rapadasbestas.gal--.
Unhas medidas sanitarias que tamén afectan á parte máis festiva da cita, posto que, nesta ocasión, non haberá verbena, aínda que non faltará a música con Marcelo Dobode, Uxía Senlle, Tequexetéldere, Pandereteiras do Val de Quireza ou os Gaiteiros Airiños de Caldelas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.