Por Alicia Casas | Compostela | 30/08/2021 | Actualizada ás 22:00
No verán de 2020, logo de chegar o arroaz Confi á costa galega en decembro de 2019 e tras proporcionar dende a CEMMA protocolos e recomendacións ignorados pola administración (estatal, autonómica e local), sucéderonse os problemas. Problemas agudizados, trocados en conflito entre o animal e os mariscadores, durante o inverno.
Houbo tamén de por medio un momento destacado. Unha rotura da burbulla de cristal na que Confi andaba metido e que marcaba unha distancia mínima duns metros co animal que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños aconsellaba. Alguén que tocou ó arroaz. Un whatsapp guai, un selfie chulo, e xa Confi entraba directamente a buscar aos humanos nas praias.
No verán de agora aínda inconcluso está tamén Doqui nas nosas rías, unha femia de lobo mariño cincento que foi observada por primeira vez en Laxe en maio de 2020, foi ata Asturias, voveu, e aínda non marchou. Non é que sexa algo pouco habitual, explica Alfredo López, é que nunca antes acontecera. O biólogo explica que os cachorros de tres meses chegan entre decembro e marzo porque no momento dos nacementos, nas comunidades do norte, hai moitos lobos mariños e a presión fai que se despracen lonxe para buscar alimento. Comen, medran e logo voltan. "Neste caso non volveu e non sabemos porqué, supoñemos que a explicación poida ser a mesma, que sabe que aló vai ter máis dificultades para alimentarse e por tanto queda aquí, que está ela soa", propón.
Como loba mariña, en tanto que está ela, anda soa, pero en tanto que anda nas praias, rodeada de xente. De persoas que por pensar que está ferida lle botan auga mentres fica nas rochas e descansa ou mesmo lle dan palmadas e lanzan sardiñas. Tampouco Confi se libra de humanos que collen a moto acuática e se meten enriba del. E o verán do ano pasado deixou, como este deixa, situacións de acoso a mamíferos mariños que se producen "por descoñecemento e aminoran cando o animal vai frecuentando unha zona, porque na medida do coñecemento hai máis xente respectuosa pero tamén os hai que non e mesmo no caso do arroaz Confi, van á praia a buscalo", di Alfredo López.
Este tipo de situacións danse todos os anos pero facendo balance, explica o biólogo da CEMMA, que neste máis que noutros porque Confi permanece no sitio (entre Portosín e Muros) e porque acontece o excepcional caso de Doqui, que neste momento foi ás Rías Baixas (onde nunca estivera). "Ela consideráse moi grande e potente e por tanto baixa onde se lle ocorre baixar, ás veces métese no medio da praia e a xente aglomérase, que é algo que non se debe facer porque ten a boca chea de dentes e pode ter reaccións negativas se considera unha ameaza á persoa que está preto", apunta. Algo que aconteceu en máis dunha ocasión: "o outro día Doqui saiu do mar á terra e as persoas que estaban na praia nin se moveron, algúns mesmo tiñan a toalla a tres metros, non sabían o risco que corrían, porque ela é moi tranquila pero se estiraba un pouco a cabeza xa lles chegaba".
Segundo indica Alfredo López, afortunadamente nese caso as persoas fixeron caso e retiráronse. Non así no caso de Confi, pois é frecuente que ante as peticións dos voluntarios da CEMMA de non tocar o arroaz e saír da auga, os bañistas argumenten "non porque eu teño dereito". O biólogo pregúntase que dereito concede a unha persoa que a area que pise esté baixo a súa xurisdicción, un dereito capaz de expulsar a un animal salvaxe que vive no mar. E conta que, ao non ter eles capacidade para impoñer autoridade, chaman á Garda Civil e ás veces acode e outras non (a maioría): "si acode a autoridade se hai unha liorta en Cangas porque catro parvos puxeron unha toalla e marcharon e houbo multas, pero con Confi non pasa nada. O Concello di que non pecha a praia, non se poñen multas, é un atractivo turístico máis".
Do que fala isto, di Alfredo López, é da ignorancia ambiental de moita xente e da interpretación que fan do mundo. "Os humanos temos que cambiar a concepción que temos das cousas. A praia, o mar, é unha paisaxe viva onde imos nós interaccionar cun entorno que temos que respectar. Se alguén ten dereito a estar na praia é Doqui e é Confi, non un bañista, se non entendemos iso non hai nada que facer", censura.
"A desinformación non é innata, é inducida por unha serie de condicionantes e chéganos a través dos medios de comunicación. Non é gratuíta, é proporcional ao investimento que se fai e nós non temos ese investimento para poder informar e aumentar a educación ambiental".
Dese 2020 no que houbo "enormes" problemas con Confi lémbrase o biólogo da CEMMA. De ter que que esperar ata maio deste ano, coa tempada de baño enriba, para que os concellos e Medio Ambiente levaran a cabo unha serie de actuacións con materiais elaborados gratuitamente pola ONG. Carteis nas praias e portos da Ría de Muros e Noia sobre a presenza do arroaz, o que se pode e non se pode facer porque a lei o prohíbe de forma taxativa. "Agora veremos que acontece durante o inverno, porque neste momento Confi está a ampliar o seu territorio, agora anda na zona de Muros cando antes soamente estaba en Portosín e vai haber máis interacción, é unha espiral que non termina", di, e engade: "as administracións seguen na súa posición covarde, o concello di que non vai pechar a praia, a Garda Civil que non vai multar a ninguén...o problema segue agravándose".
Se cadra, de haber apoio, as circunstancias mudarían. Pero a ignorancia en educación ambiental, sostén Alfredo López, non é gratuíta: "ao ano invístense millóns e millóns de euros en desinformar á poboación a través dos medios de comunicación, con anuncios de delfinarios de 'ver a nadar con nós', por exemplo, mentres en educación ambiental non se inviste nada". Segundo o biólogo, ademais de recibir insultos ou ameazas por parte de bañistas cando se achegan a informar de que o que están a facer é ilegal, cando "nós reclamamos inversión para información ambiental é como se esa información tivera que ser gratis, como se foramos nós monxas da caridade que temos que dedicar a nosa vida a informar gratuitamente a persoas que moitas veces non queren ser informadas".
Cando o membro da CEMMA pensa neses anuncios de delfinarios nos que alguén ten interese en que a xente vaia a ver golfiños presos e paguen por iso, reflexiona: "nós aquí temos unha marabilla que é poder ver arroaces ou lobos mariños sentados nas pedras do mar, gratuitamente e con todo o respecto cara eles, pero é unha marabilla que a xente non é capaz de valorar e en cambio vai gastar miles de euros a Cancún a nadar con delfines". Alfredo López ve na xestión dos recursos turísticos por parte dos responsables políticos unha "falta de miras absoluta": "vemos que o turismo ten fin e vemos que temos que traballar pola nosa terra todos os días, e se temos un Confi que pode ser un atractivo turístico a distancia, estámolo rebentando, explotando e eliminando desta maneira, co contacto directo".
No que vai de verán morreron catro cachorros de arroaz en Galicia, unha cifra que non é representativa da totalidade que morre senón que supón unha parte pequena. O biólogo explica que, malia que non coñecen ben o motivo, a mortalidade é alta durante o seu primeiro ano de vida. E explica que, segundo estiman, ao ano falecen entre 80 e 100 arroaces na nosa costa (incluídos os grandes). Dende a CEMMA encárganse de informar periodicamente desta realidade para tratar de mudar o paradigma, para facer ver a ollos de moitos mariñeiros que pensan o contrario que estos animais non viven no paraíso dos arroaces.
"Cando falemos do impacto na pesca, pois falemos tamén do impacto que as actividades humanas teñen nos cetáceos, poque estamos a detectar enfermidades da pel debido á contaminación e están a ser perseguidos día e noite nas vacacións, e cabe a posibilidade de que algúns deles morran recén nacidos por esta presión que se exerce sobre o medio", apunta. Para concluír que os arroaces "nacen e morren e no medio poden romper algunha rede, é o que hai, temos que aprender a convivir con iso".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.