Por E.P. | Portas | 31/08/2021 | Actualizada ás 18:40
O Concello de Portas decretará un día de loito oficial se se confirma o peche da oficina de Abanca no municipio e retirará todos os fondos das arcas municipais que dispoña en contas desta entidade financeira.
Así o acordaron por unanimidade os grupos con presenza no consistorio de Portas, gobernado polo popular Ricardo Martínez, que pactaron un decálogo de medidas a realizar no caso de que se produza a clausura avanzada polo banco.
Un peche que o consistorio entende como "unilateral e inxustificado tomado de forma irreflexiva" pola dirección da entidade financeira, á que acusan de levar a cabo "un ataque contra os dereitos" das persoas maiores, "vítimas da fenda tecnolóxica e abandonados á súa sorte á hora de poder cobrar as súas pensións ou atender as súas xestións bancarias".
A institución local traslada a Xunta, Goberno e Banco de España o seu desacordo coa intención de Abanca, entidade da que, no caso de que peche a oficina de Portas, o goberno deste concello retirará o diñeiro das contas que neste banco ten abertas.
Así, o executivo local comprometeuse a buscar alternativas para buscar outra entidade financeira, asesor bancario "ou fórmula similiar" para paliar os efectos da clausura da sucursal. Por último, avanzan mobilizacións e diríxense á Xunta para instala a que "actúe como garante dos concellos rurais" e impida ás entidades financeiras "deixar sen servizos bancarios presenciais" estas áreas.
PROTESTA NA CORUÑA
Por outra banda, os municipios coruñeses de Zas, A Baña e Vimianzo fixeron un chamamento a sumarse á mobilización que este xoves terá lugar na cidade da Coruña en protesta polo peche de oficinas de Abanca en zonas do rural.
Os rexedores destes municipios --os socialistas Mónica Rodríguez (Vimianzo) e José Antonio Pereira (A Baña) e o nacionalista Manuel Muíño (Zas)-- animaron aos seus veciños a acudir á cidade herculina este xoves para concentrarse ante a sede da entidade financeira.
O tres alcaldes manifestaron o seu rexeitamento aos plans da entidade financeira e apelan a mostrar a desconformidade co peche de oficinas en municipios do rural participando na concentración convocada ás portas da sede de Abanca na Coruña, convocada polos gobernos locais da Baña, Zas, Vimianzo, Cerdido e Fene.
Unha protesta á que tamén mostrou o seu apoio a central nacionalista CIG que, nun comunicado, advirten que hoxe son "os concellos do rural e os barrios da periferia das cidades" os que están "no punto de mira", pero consideran que "o proceso terminará por afectar as oficinas das vilas e grandes zonas urbanas" se non se produce unha resposta social.
Para o sindicato, os plans da entidade financeira pasan por "marxinar ás persoas non nativas dixitais e ás que non son capaces de usar un caixeiro automático", á vez que censura que alcaldes do PP de municipios afectados manifestasen as súas protestas cando "foi Feijóo quen regalou as caixas de aforro galegas ao banqueiro venezolano Juan Carlos Escotet".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.