Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2021 | Actualizada ás 15:50
Continúa a loita de ENCE por permanecer na ría de Pontevedra. Tras o fallo da Xustiza facendo caer a concesión outorgada polo goberno de Mariano Rajoy, a empresa afincada en Lourizán segue manobrando para manter a actividade en Galicia sen se mover do seu emprazamento habitual. Unha estratexia na que parece ter atopado o apoio da Xunta de Galicia, cando menos dende a perspectiva da Asociación Pola Defensa da Ría.
A APDR vén de lanzar un comunicado moi crítico coa relación entre a pasteira e o goberno da Xunta, acusando unha proximidade da que o presidente autonómico xa deu algunha mostra ao apuntar, meses atrás, o seu compromiso coa continuidade de ENCE e, se facía falta, unha pasteira máis no territorio galego. Agora, a APDR pon a vista no encontro que compañía, Xunta e Goberno manterán o vindeiro día 10 e no cal a asociación ve un conato de “chantaxe” por parte da administración galega e a empresa.
A cuestión criticada pola APDR emana da reunión mantida entre o Conselleiro de Economía da Xunta, Francisco Conde, e a propia ENCE. De acordo co comunicado da asociación, o obxectivo destes dous axentes pasa agora por procurar solucións que permitan a continuidade da planta, todo a pensar da sentencia --agora mesmo pendente de recurso no Tribunal Supremo-- que declara nula a prórroga concedida.
De aí que a asociación cargue contra a empresa e o goberno, aos que acusan de desenvolver “chantaxes disfrazadas de ‘solucións xurídicas’ para saltar a Lei e as decisións xudiciais”. Así é que, de acordo coas mesmas fontes, na reunión entre Conde e ENCE “puxéronse sobre a mesa algunhas ideas que máis semellan cousa de ‘trileiros’ ou ‘mafiosos’ que de representantes de traballadores e servidores públicos”.
"AO MÁIS PURO ESTILO DA MAFIA"
“Falouse abertamente de tratar de buscar fórmulas que permitan modificar as decisións xudiciais, por máis que o disfracen de busca de ‘solucións xurídicas’, un compromiso que o Conselleiro de Economía non tivo reparo en adquirir, afirmando que falaría co Goberno para facerlles entender esa necesidade!”, engade a plataforma.
Fronte a estas estratexias “ao máis puro estilo da mafia siciliana”, a asociación confía en que o goberno non ceda á “chantaxe” da Xunta e a pasteira saia de Lourizán. “Máis unha vez intentan que o Alcalde [de Pontevedra] e a Ministra defendan a ilegalidade, un medio no que tanto ENCE como a Xunta de Galicia semellan moverse con verdadeira destreza!”, finalizan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.